Andamos ás veces algo perdidos, denortados, sen saber moi ben quen somos nin cara a onde imos. Non todos os que vagan andan perdidos, como lle escribe Gandalf a Frodo referíndose a Trancos, pero o certo é que ás veces extraviamos o rumbo e damos voltas arredor de nós mesmos como unha nave que perdeu o temón; imos dun lado para outro sen acomodo e sen saber a onde queremos chegar.
Mesmo sen querer chegar a ningún lugar. Xirando como a roda dun muiño, sen pausa, pero sen movernos. Como ese compañeir@ de traballo que quere aparentar que fai movéndose dun lado para outro, sempre con presas pero facendo nada.
E resulta que nestes momentos, nestas raras etapas das nosas vidas (que tranquilamente poden durar anos) chegamos a esquecer non só o camiño, senón tamén quen somos e de onde vimos. Perdémonos totalmente, non vemos ao lonxe mans amigas facéndonos acenos para que volvamos nen escoitamos as voces que nos preguntan polo que buscamos e polo que nos falta.
Unha casualidade, ás veces, un sorriso ou unha frase bastan para atoparnos, para descubrir quen somos. Pois o único certo é que somos infinitos en nós mesmos, e aínda que ás veces non nos recoñecemos no neno que fomos nen no mozo que non se sentía parte do mundo, resulta que co paso do tempo hai un lugar no que sempre me atopo e sei quen son.
Son simplemente o que vexo reflexado nos seus ollos cando me din, por exemplo, que me dan un bico de boas noites, outro bico porque me queren e un terceiro porque me requetequeren.
E entón desaparece a arañeira na que ando metido, volven a soprar ventos favorables e teño unha idea clara de quen son e de cal é o camiño que teño que facer.

No hay comentarios:
Publicar un comentario