Ela
ía dicir que era a súa primeira vez, pero non dixo ren e el
sentíase nervioso como se fose a súa primeira vez.
Ela
puxera os pantalóns curtos que mercara o día anterior nas rebaixas,
que por algo viña de aprobar a selectividade, e saíra da casa
disposta a saborear estes días de vacacións como se fosen un premio
merecido despois de moitos meses de estudo. El vestírase de maneira
cómoda e informal para comezar o seu período de probas naquela
empresa de neuromarketing, recortara a barba o día anterior como
Orlando Bloom en Piratas del Caribe e sentíase guapo guapo.
A
ela sorprendéralle que entre tanta xente como alí había aquel
rapaz tivera reparado nela. A el tremíalle un chisco a man, pero
disimulaba debuxando pequenas flores cun lapis HB nº2.
Ela
non se atrevía a mirarlle aos ollos e descubriu que tiña unhas mans
pequenas e fermosas e el non puido deixar de pensar que aqueles
esquivos ollos melosos eran o mais lindo de aquel soleado día de
primeiros de xullo.
A
ela gustoulle que aquel rapaz que parecía Orlando Bloom en Piratas
del Caribe lle preguntara se tiña uns minutos para contestar a unha
enquisa e a el gustoulle que ela lle confesase, cun tímido sorriso,
que aínda tiña dezasete anos.
Ela
non sabía que aquel día saíra da casa con propensión ao
namoramento e el descoñecía que fose posible namorarse en tres
segundos e un sorriso.
Precioso!!!
ResponderEliminarMoitas grazas!!
Eliminar