Mostrando entradas con la etiqueta Contos para L&A. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Contos para L&A. Mostrar todas las entradas

miércoles, 15 de marzo de 2023

A chave máxica

 


Esta é a chave que as fadas lle deron a Violet.

Bueno, mellor empezo dende o principio.

Era un venres do verán. O primeiro venres dende que comezaran as vacacións, e Violet non puido agardar máis para achegarse ao lago Oreta, tal e como as fadas lle dixeran.

Puxo o colgante, meteu unha mazá e un paquete de pistachos na mochila que lle regalaran no Museo de Ciencias Naturais (algún día falareivos dese día), e saíu polo camiño dos carballos cara ao lago Oreta.

Mentres ía camiñando deuse conta dunha cousa, o río Bolb e o lago Oreta formaban a palabra bolboreta, e foi rematar de dicir esa palabra cando centos de bolboretas de distintas cores apareceron polo camiño e guiaron a Violet cara ao lago.

Para a súa sorpresa, no lago estaban Eric e Bruno collendo amorodos, e Ánxela pescando coa cana que lle pedira "prestada" ao seu pai.

Como eran moi amigos, Violet contoulles que estaba facendo o que as fadas lle dixeran que fixera, e eles quixeron acompañala. Tamén Ánxela quixo acompañala xa que levaba tres horas alí sentada e ningún peixe se achegara á súa cana.

Como non sabían moi ben o que debían facer, comezaron a bordear o lago sen atopar nen rastro das fadas ou dalgún lugar máxico. Entón a Eric ocurríuselle que tal vez habería que facer algo co colgante.

- Eu lin nun conto que hai que dicir as palabras máxicas para que apareza a máxia - dixo Bruno.

E así comezaron a dicir frases que leran nos libros:

- Abracadabra!

- Fada fadiña, ven axiña!

- Polo poder do talismán, que se abra o chan!

- Por favor, un bocata de nocilla - dixo Ánxela, que ademáis de ser algo lambona comezaba a ter fame.

- Ánxela! Lambona! - berraron os tres escachando coa risa.

Ninguha das frases parecía ter efecto, e algo desanimados sentáronse a descansar na beira do lago, e como facía moita calor decidiron darse un baño.

E foi cando o colgante de Violet entrou en contacto coa auga, cando apareceu, no medio de lago, unha luz moi intensa. Sorprendidos, descubriron que a auga ía apartándose a medida que eles camiñaban cara a aqueles destellos tan estranos.

Ao chegar ao medio quedaron asombrados ao ver o que viron, pero vos nos saberedes do que se trata até o seguinte capítulo.

(Así que xa sabedes, a seguir o blog se queredes continuar a historia!)

(Está historia está sendo escrita pola miña filla A.)



domingo, 12 de marzo de 2023

A chave máxica.

 


Ao sur das Montañas Biruxe, entre o río Bolb e o lago Oreta había unha pequena vila na que a vida era moi divertida e agradable. Non facía moita calor no verán nen moito frío no inverno. Nevaba de cando en vez, e sempre chovía o suficiente como para que non houbese sequía e nunca tanto como para provocar innundacións. 

Era, en definitiva, unha vila perfecta para vivir, pero moitas mañáns todo o mundo parecía alterado e podíanse oír berros e enfados por todas partes. Nas tendas e nas casas aparecía todo revolto, coas cousas cambiadas de lugar ou mesmo escondidas debaixo das mesas ou metidas en lugares nos que non deberían estar. 

Así, cando o zapateiro chegaba ao seu taller e descubría que todo estaba desordenado comenzaba a rosmar e pensaba que foran os fillos da viciña os que entraran pola noite a xogar coas súas cousas, e a viciña, que tamén tiña a casa desordenada, pensaba que foran os fillos do zapateiro. E o mesmo pasaba co froiteiro e co pescadeiro, e co taberneiro. Todos chegaban pola mañá aos seus traballos e o tiñan todo desordenado.

Como a situación se repetía unha e outra vez, os viciños reuníronse e decidiron tomar medidas. Ao principio botábanse as culpas uns a outros, pero cando comezaron a vixiar polas noites e a facer quendas para descubrir aos culpables de tanto desorde nocturno descubriron que algunhas noites baixaban das montañas tres luces que vagaban polas rúas do pobo e entraban en todas as casas e en todos os comercios. 

Non tardaron en decatarse de que eran tres pequenas fadas pero cando quixeron falar con elas e preguntarlles porqué facían o que facían non puideron entenderse con elas. Como todos sabemos, as fadas son moi reservadas e só falan con quen elas queren e cando lles peta.

Unha noite na que estaban na panadería espertaron a Violet, a filla da panadeira, e cando a nena se achegou, elas non marcharon senón que lle explicaron que o que andaban buscando era a chave do portal que había no lago Oreta. Era unha chave máxica que só se podía ver polas fadas nalgunhas noites e por iso, de cando en vez, baixaban a rebuscar polo pobo. 

A partir dese día todos quixeron axudar ás fadas. Deixábanlles vasiños de auga e froitos secos, e moitos nenos e nenas quedaban espertos polas noites agardando a visita das fadas para axudarlles a buscar a chave máxica. Ata que un día, na casa de Violet, a chave apareceu. 

As fadas quixeron agradecerlle a Violet a axuda, e por iso lle regalaron un colgante con forma de gato e lle dixeron que cando chegara o verán fose a visitalas ao lago Oreta co colgante posto.

Dende aquel día Violet foi riscando no calendario os días que ían pasando antes das vacacións de verán.  

 (Like para a segunda parte)




jueves, 2 de marzo de 2023

O gato lambón.

 


O gato Rodolfito tiña un ollo de cada cor, o fuciño bermello con bigotes só nun lado e unha orella para arriba e outra orella para abaixo. E por moi raro que soe, tamén tiña tres rabos e ademáis gustáballe moooooitísimo o chocolate.

Todos dos días, o gato Rodolfito pasaba as tardes polos parques infantís vixiando os bocadillos das nenos e dos nenos tamén. Tiña unha gran capacidade para descubrir os bocatas de nocilla ou os anacos de chocolate que caían ao chan, e cando descubría a algunha crianza despistada non o dubidaba nin un segundo. Ía achegándose moi zalamero e riquiño, facía un par de pinchacarneiros e cando o neno, ou nena tamén, se despistaba mirando para él botaba un rabo para un lado, outro rabo para outro e -ZAAAASSSSSS- dun brinco leváballe o bocata de chocolate.

Un día, o gato Rodolfito víu a unha nena regordeta papando o máis grande bocata de nocilla que vira nunca xamáis. Lambendo os fuciños foi achegándose a ela, e cando pensou que xa a tiña medio despistadas coas súas zalamerías - ZAAASSSSS- dun chimpo, e movendo os seus rabos lanzouse cara a nena coa intención de levarlle o bocadillo. 

Pero aquela nena estaba preparada e en cando víu que aquel gato tan curioso se lle botaba enriba apartouse para un lado e colleuno polo rabo.

-Vaia gato pillabán -díxolle mentres o metía nun saco- querías paparme o chocolate e agora do saco non hai quen te saque!

E levou a Rodolfito para a súa casa, con tal sorte que aquela nena vivía nun primeiro, xusto xustiño enriba dunha chocolatería. A aquel gato lambón non lle puido parecer mellor quedar a vivir naquela casa xa que cada noite marchaba pola ventana e metíase naquela chocolatería, e cada mañá regresaba co bandullo cheo e o fuciño, que ante era vermello, toco manchado de chocolate.  




martes, 24 de enero de 2023

O mosquito, o sapo e a nena comedora de gominolas

 



Un mosquito rebuldeiro voaba dun lado para outro, pousándose no nariz dos cans que paseaban polo parque, facéndolle cóxegas aos señores calvos na cabeza e despistando ás crianzas que estaban merendando bocadillos de queixo e chourizo. Tan entretido voaba facendo estas e outras falcatruadas que non se deu conta que dunha poza asomaban un par de ollos grandes e viscosos e antes de que puidera escapar ZAS!! Unha grande lingua pegañenta asomou e o pobre mosquito rematou na barriga dun pequeno sapo.

O sapo, que levaba xa un tempo dentro daquela poza, decidiu saír e ir ver o que había arredor. Ao ladiño había un parque, e dentro do parque unha nena correteando de aquí para alá cunha mazá a medio comer e moitas ganas de pasalo ben. Ao sapiño pareceulle que aquela mazá debía estar moi boa, e ZAS!! volveu botar a lingua para ver se podía sacarlla da man á nena, pero a nena, que gostaba moito das gominolas, pensou que aquela lingua era unha desas chuches con forma de sapiño e antes de que o sapo se dera conta xa estaba na boca da nena.

Ao chegar a casa, a nena quixo falar coa mamá e contarlle que atopara unha gominola moi moi rara, pero en lugar de falar dicía mamacruá, mamacruá, no parqué cruá atopei unha gomicruá!! A mamá, sorprendida, pensou que a pequecha estaba xogando a dicir palabras divertidas, e comezou a dicir miña fillacruá, xa case é hora de crúacenar, lava as mans e ven para a cruacociña!

Aquela noite pouco cenou,lavou os dentes a toda velocidade e meteuse na cama coa esperanza de durmir pronto e que todo aquelo fose un soño.

Pero ao día seguinte, ao espertar, descubriu que na almofada había un sapiño moi chusco e ao seu carón un mosquito rebuldeiro que miraban para ela. Fíxolles unha casiña cunha caixa de galletas, púxolles un pouco de cereais do almorzo y uns cachiños de chocolate, meteunos na mochila e marchou con eles á escola.

Pero as aventuras dese día xa son outra historia... boa noite, e até mañá.