Un mosquito rebuldeiro voaba dun lado para outro, pousándose no nariz dos cans que paseaban polo parque, facéndolle cóxegas aos señores calvos na cabeza e despistando ás crianzas que estaban merendando bocadillos de queixo e chourizo. Tan entretido voaba facendo estas e outras falcatruadas que non se deu conta que dunha poza asomaban un par de ollos grandes e viscosos e antes de que puidera escapar ZAS!! Unha grande lingua pegañenta asomou e o pobre mosquito rematou na barriga dun pequeno sapo.
O sapo, que levaba xa un tempo dentro daquela poza, decidiu saír e ir ver o que había arredor. Ao ladiño había un parque, e dentro do parque unha nena correteando de aquí para alá cunha mazá a medio comer e moitas ganas de pasalo ben. Ao sapiño pareceulle que aquela mazá debía estar moi boa, e ZAS!! volveu botar a lingua para ver se podía sacarlla da man á nena, pero a nena, que gostaba moito das gominolas, pensou que aquela lingua era unha desas chuches con forma de sapiño e antes de que o sapo se dera conta xa estaba na boca da nena.
Ao chegar a casa, a nena quixo falar coa mamá e contarlle que atopara unha gominola moi moi rara, pero en lugar de falar dicía mamacruá, mamacruá, no parqué cruá atopei unha gomicruá!! A mamá, sorprendida, pensou que a pequecha estaba xogando a dicir palabras divertidas, e comezou a dicir miña fillacruá, xa case é hora de crúacenar, lava as mans e ven para a cruacociña!
Aquela noite pouco cenou,lavou os dentes a toda velocidade e meteuse na cama coa esperanza de durmir pronto e que todo aquelo fose un soño.
Pero ao día seguinte, ao espertar, descubriu que na almofada había un sapiño moi chusco e ao seu carón un mosquito rebuldeiro que miraban para ela. Fíxolles unha casiña cunha caixa de galletas, púxolles un pouco de cereais do almorzo y uns cachiños de chocolate, meteunos na mochila e marchou con eles á escola.
Pero as aventuras dese día xa son outra historia... boa noite, e até mañá.

No hay comentarios:
Publicar un comentario