Fagan o favor e deteñan xa este veloz transcurrir dos días. Sen case decatarnos estamos xa no día 23 do ano 2023, e a pouco que nos descoidemos chegará a primavera. O intenso frío e a cristalina luminosidade do amencer parecen querer anunciala. Chega a época do amarelo, coas acacias en flor es os montes vestidos con chorimas de toxos e xestas. Ou como o amañecer do día de hoxe.
Veñen aires limpos e ventos novos preñados de novas esperanzas, sementes que prenderán en vellas terras e farán florecer, como cada ano, todo canto poida máis adiante dar froito.
E a luz, que aínda é unha promesa, vai marcando o camiño polo que se fará forte e nos alcanzará e invadirá a terra enteira de música e brisas acariñadoras. E pequenos paxaros cantores celebrarán, sen eles sabelo, a grande casualidade que é a vida.
Van alá 23 días. Aproveitemos o día azul e a falta de choiva para saír, mirar ao ceo e simplemente respirar.

No hay comentarios:
Publicar un comentario