As vitorias axustadas teñen sempre algo explosivo, un arrebato colectivo que nos une e fai que nos sintamos parte de un todo, dun proxecto común, dunha tribo. As vitorias traballadas dan un novos pulos á nosa vontade e axudan a elevar a autoestima, mesmo aínda sen participar nós no partido ou na competición. Cando gaña o noso equipo sentimos qué nós mesmos gañamos, que dalgún modo formamos parte desa vitoria. Saudamos de maneira efusiva ao que temos ao noso carón, marchamos conversando alegremente coa nosa xente sobre os mellores momentos do encontro, sobre o ben que o fixeron e sobre as novas posibilidades que se abren a partir de agora.
As vitorias, calquera vitoria que aconteza na nosa vida, abre sempre un novo camiño, unha nova oportunidade para continuar na boa senda, para demostrar que se o fixemos unha vez poderemos repetilo máis veces.
E algo de vitoria hai nestes primeiros días do ano nos que podo celebrar que durante o 2022 tiven que librar batallas inesperadas, e fun quen de vencer, e aínda sabendo que xa nada será o mesmo, descubro que hai en mín cualidades que non coñecía e forzas coas que non contaba.
Disque non se vive celebrando as vitorias senón superando as derrotas, pero ás veces, cando as vitorias son tan axustadas e tan traballadas, é preciso tomarse un tempo de descanso para ir acomodándonos ás novas posibilidades que se nos irán abrindo a medida que superemos as probas que a vida nos vaia poñendo no camiño.
Mentres tanto, VAMOS OBRA!!

No hay comentarios:
Publicar un comentario