Hai horas que pasan sen decatarnos e horas que desexamos que rematen e non dan rematado. Hai horas que deberan caer no esquecemento e horas máxicas que quixeramos gardar por sempre na memoria. Horas de risas, horas de choros, horas que por moito que fagamos non conseguimos saber a onde marcharon.
Nunha hora pode dar tempo a facer moitas cousas, sobre todo cando somos máis cativos e o tempo parece alooongarse como se fose goma de sucre. Unha hora é eterna cando agardamos para ver á persoa amada, e unha insignificancia cando estamos con ela. Unha hora é algo incómodo e ás veces moi estresante se estamos tumbados na cadeira da dentista, pero pode ser pura alegría tumbados na area cando xa vai baixando o sol e a praia vai quedando pouco a pouco baleira.
Eu non son moito de saber aproveitar as horas mortas, e sen embargo téñolle moito cariño a esta hora que vai desaparecer. Agora que comezaba a saír o sol polas mañáns volveremos a ter algo de escuridade. Durará pouco, é certo, pois a primavera está xa desbocada e vaino invadindo todo, pero sempre prefiro o cambio do outono, cando debemos atrasar as agullas e así gañamos unha hora máis para facer o que máis nos pete.
Por certo, que tamén é neste día no que debemos apagar as luces. Xa escribín disto fai moitos anos, pero convén recordar que debemos reducir o consumo todos os días.

No hay comentarios:
Publicar un comentario