viernes, 17 de marzo de 2023

Borradores

 


Andar polo mundo cunha estraña sensación de provisionalidade, como se o que facemos, o traballo e as relacións fosen un preámbulo do que está por chegar. Ás veces sinto que estou vivindo a vida como se fosen os adestramentos libres antes dun gran Premio de F1. Como se tamén eu estivese poñendo a punto o meu coche e tivera tempo para facer correccións e axustes, mesmo para cambiar o motor se fose preciso.

Sei que alguén dixo (en latín, obvio) iso da tabula rasa. Agora non vou refrescar os coñecementos adquiridos (e esquecidos) navegando polo google, pero creo recordar que era algo así como que somos papeis en branco que imos enchendo de coñecementos, experiencias, sentimentos. Supoño que hai xente que comprende isto bastante rápido e dedica a súa vida, simplemente, a vivila.

E despois haberá agonías coma min, que pasan os días trazando rumbos e anotando cousas que facer, e que nos enfrontamos á vida como se fosen borradores nos que imos anotando ideas soltas, propósitos, proxectos que imos deixando para máis adiante pois temos a sensación de que o real, a verdadeira vida aínda está por vir. Precisamos asegurarnos de que cada paso que damos é o correcto, analizando os pros, os contras e as recontras e buscando sempre algún tipo de confirmación sobre se o que facemos é o correcto. Damos o voltas e máis, voltas, como un caracol xirando sobre si mesmo.

É algo esgotador, asegúrovolo. Máis que nada porque nas noites danos por facer balance e rematamos convencidos de que co próximo amañecer empezaremos a poñernos serios e a encamiñar os nosos pasos cara ao que queremos realmente facer. Mais coas primeiras luces do día volvemos á loita continua co folio en branco. Revolvemos nos papeis, atopamos vellas anotacións, cartas non enviadas, proxectos aos que nunca lle dedicamos o tempo suficiente e volvemos a ter esa sensación de que até o de agora todo foi un ensaio, un borrador que nunca damos pasado a limpo. 


No hay comentarios:

Publicar un comentario