E non, o título desta entrada non fai referencia a que pareza que a morte está chamando por min, e tampouco é a adaptación do pensamento Cheroque ao novo ecoloxismo no que homes e mulleres que sempre viviron nun entorno urbano queren volver ao campo.
Sabedes, os que me coñecedes, que son un tipo rural, no bo e no mal sentido da palabra. Dende moi novo, pero que moi novo, e a pesar de vivir nun entorno semiurbano, fixen moitos traballos de campo. De feito, nunca tiven moi claro o que quería facer da miña vida, pero tiven moi claro dende sempre onde non quería estar. E nunca quixen estar no campo, nin cultivar a miña horta nin que o meu tempo dependese das horas e dos traballos. A min o famoso Beatus ille de Horacio sempre me deu algo de risa, tal vez porque para poder levar unha descansada vida no campo fan falta cartos e eu sempre fun moi pobre.
De calquera modo, e para evitar as miñas coñecidas, e ás veces cansinas digresións, direivos que dun tempo a esta parte cada vez que paso polo lado dunha horta sinto unha especie de estremecemento, como unha enerxía que chama por mín. Danme ganas, por exemplo, de poñerme a sacarlle as malas herbas ás leitugas ou podar os tomates, por non falar da irrefreable tentación de amontoar as patacas.
Algo moi raro está a pasar comigo. Semella que agora que levo anos sen tocar un sacho e que fai xa máis de dúas décadas que deixei a xardinería; agora que certos danos colaterais fan que non poida coller excesivos pesos e que as miñas mans, sempre pequenas e delicadas, non teñan forza nen para abrir os botes de tomate; agora, en definitiva, que teño a estabilidade laboral que o meu carácter asustadizo e burgués sempre precisou, pois vai e veñen á miña cabeza os recordos daqueles tempos nos que quería montar unha casa de turismo rural e cultivar unha horta "ecolóxica", moito, moitísimo antes de que houbera tantos produtos ecolóxicos.
E danme ganas de recuperar dalgún armario o meu Libro del Horticultor Autosuficiente, de John Seymour e buscar un terreo xeitoso no que volver a practicar á técnica do bancal profundo e da rotación de cultivos que tantas horas de discusión provocou coa miña nai (máis dada ás técnicas tradicionais).
Non sei, supoño que son cousas da idade. A outros dálles por mercar unha moto...

No hay comentarios:
Publicar un comentario