(II)
Todo isto durou catro semanas máis. Durante este tempo e dubidando de que un traballo tan sinxelo puidera ser tan ben pagado, intentou poñerse en contacto co Señor Sacs un par de veces. Pero as instrucción foran claras. Non habería máis contactos até que o traballo rematase, e o traballo remataría cando eles llo dixeran. Cada día el tiña que mandar os datos recollidas da maneira que lle dixeran, e cada semana recibiría a cantidade acordada. Non había máis. Ou polo menos él non tiña que saber máis.
Sen embargo había algo no asunto que lle preocupaba. Había algo moi extraño en todo este asunto, e por iso aos poucos días decidíu volver a espiar a aquela familia para ver se tiña mudado algo na súa rutina diaria. Ninguén lle tiña pedido tal cousa, pero tampouco lle tiñan prohibido facelo. Unha das cousas que máis lle gustara deste encargo é que lle deixaba moito tempo libre para ocuparse doutros asuntos, e en parte podía entenderse como outro asunto a vixiancia desta familia.
Non atopou nada raro.
A familia seguía, dun modo case matemático, coas súas rutinas diarias. Saían ás mesmas horas, facían as mesmas cousas e non parecía que tiveran nada que ocultar nin nada que a fixera distinta das outras familias con fillos pequenos. O motivo polo que alguén estaba tomándose tantas molestias para espialos era algo que se lle escapaba completamente, e tal vez por ese mesmo motivo comezou a sentirse obsesionado con eles. Sen dúbida tiña que haber algo que os facía merecedores de tanta atención, pero non sabía o que podía ser.
Un par de semanas despois de comezar o encargo decidíu facer algo que ía totalmente en contra das normas e da profesionalidade. Até o de agora tiña descargado e enviado os datos tal e como lle dixeron. Facilitáranlle un portátil dende o que facer as operación e advertíranlle que debía destruir o arquivo enviado unha vez recibira a confirmación de recepción. Obviamente, non considerou oportuno abrir o recibo nese ordenador, pero decidíu que unha vez enviada, e antes da súa destrucción, podería gardar a información nun dispositivo externo para poder vela ou escoitala maís tarde.
Ao pouco viuse vendo horas e horas de grabación nas que aparecía a familia facendo as cousas que se supòn que fan as familias. Almorzos, cenas, duchas, algúnha discusión entre a parella, algunha perrencha da cativa.
Nada.
Naquelas grabacións non había nada que se saíse do normal. O que aparecía podía verse en calquera serie americana na que saen as familias arredor dunha cociña, e se do que se trataba era de obter imaxes de contido sexual a cousa tampouco daba para tanto, sobre todo tendo en conta que na habitación dos adultos había só un par de cámaras e ningunha parecía enfocada á cama. E cando máis normal e insípida lle parecía a vida daquela familia máis obsesionado se sentía por descubrir que podía ser o que buscaban.
A resposta chegoulle case por casualidade, e en contra do que pensara nun principio non foi nos videos, senón nos audios nos que atopou a resposta. En moitas das grabacións recollidas na habitación da nena comezou a escoitar unha voz que nun principio non soubo indentificar. Tivo que buscar nas imaxes para decatarse de que unha das bonecas coas que xogaba aquela nena falaba. Pensou que se trataba dunha destas bonecas que responden cando lles tocas, que teñen grabadas catro frases que repiten sen parar ou que piden de comer ou que lles cambien o cueiro.
Pero non. Sentíu que un escalofría lle percorría o lombo cando descubríu que aquela boneca non falaba cando a nena interactuaba con ela senón que soa, sen que lle presionaran ningún botón ou lle dixeran palabra algunha. E peor aínda. Repasando as grabacións descubríu que moitas veces falaba polas noites, mentres a nena durmía, e que parecía estarlle contando contos.
Comprendeu entón que a disposición dos micrófonos e das cámaras non eran para espirar á familia ou á nena, senón que do que se trataba era de espiar a aquela boneca. Sen dúbida alguén quería coñecer como funcionaba aquel novo xoguete, se é que se trataba dun xoguete, e supuxo que o que estaba era participando nunha operación de espionaxe industrial. Pensou que o máis sinxelo sería ter roubado directamente aquela boneca, pero se lle cadra o que querían investigar non era tanto a tecnoloxía, senón o seu comportamento.

No hay comentarios:
Publicar un comentario