Nestes días de dispersión emocional que tan acotío sufro dedícome
a navegar por internet na procura de novas afeccións ou intereses para evitar
poñerme a escribir, ou estudar ou facer calquera outra cousa que penso que pode
ser de proveito.
Case sempre remato en páxinas raras e decidindo informarme máis
sobre temas moi variados, como pode ser o coleccionismo de fotos de percebes ou
a observación de nubes ainda que chova. Pero antes de chegar a estes sitios tan
rariños vou arribando en páxinas dedicadas á literatura ou en blogs nos que
alguén da consellos sobre como escribir, como organizar á nosa vida en internet
ou como conseguir ser popular nisto das redes sociais.
E sempre remato abraiado co montón de xente que hai facendo cousas
boas en internet. Hai verdadeiros profesionais nisto dos blogs, aínda que
sospeito que moitas veces son versións doutras páxinas e doutros sitios. Pero a
cousa é que nos últimos días coincidín pola rede con xente que daba consellos
para potenciar as nosas creacións literarias en internet. E descubrín que
moitas destas recomendacións xa as teño aplicado neste blog. Fai tempo que me
presentei e que comentei que o que aquí publicaría sería creación miña, para
ben ou para mal. Tamén intento poñer algunha imaxe para que non vos cansedes e
procuro que o que escribo poida lerse nun par de minutos. Tampouco quero
roubarvos moito tempo.
Sen embargo o que non consigo e ser constante. E xa non se trata
só do pouco tempo do que dispoño. Ás veces comezo a escribir e ao pouco penso
que é unha verdadeira parvada e boto no lixo aquelas reflexións que uns minutos
antes me parecían interesantes. Tamén acontece que algúns relatos comezan a
medrar e a semellarse máis a un conto que a unha entrada para un blog.
Pero creo que o que realmente impide que este blog medre é a falta
dunha orientación clara. Comecei a escribir por escribir, sen ter moi claro o
que quería contar pero cunha claramente orientado á literatura, pero agora
descubro que ademais de inventar historias moitas das cousas que escribín falan
sobre mín. En lugar de inventar parece que o que me pide o corpo é levar unha especie
de diario como o que levo dende fai anos en cadernos de papel.
Certamente, esta tendencia xa está presente dende o principio. Mar
de Beaufort sempre tivo algo de caderno de bitácora e ao reler as cousas que escribín
para presentarme e para presentar esta páxina descubro que case nada cambiou
dende entón. Teño a intención de facer novas cousas e non sei se integralas aquí ou crear novos espazos de comunicación. Pode que separe claramente a parte creativa da parte autobiográfica, pero diso irei informando cando todo vaia avanzado.
Entrementres, naveguemos.
