miércoles, 29 de abril de 2015

Momentos transcendentais



 
Camiñaba eu por Compostela pensando na infinitude do espíritu que nos fai distintos ao resto da creación cando vexo a un tipo ranqueando cara a mín. De súpeto bota a man á cara e tapando un buratiño do nariz decide expirar fortemente polo outro, liberándose así de certa mucosidade que sen dúbida lle molestaba ao respirar.
Eu teño visto facer esta operación infinidade de veces, pero como nesta ocasión andaba enleado en tal altos pensamentos o feito en si pareceume tremendamente vulgar e porcallento, e inevitablemente comecei a dubidar do espírito elevado e infinito deste homiño. Un espírito pouco evolucionado, matinei, coas aplicacións totalmente obsoletas...
Pero como o que preciso son certezas universais e aplicables a todo o mundo pois comezo a pensar que incluso esta persoa terá, ou tivo no pasado, o seu momento de transcendencia. Esa situación que a todos nos pasa algunha vez, unha oportunidade de demostrar que hai algo máis que carne e materia pensante en nós. Que ás veces somos quen de ir un pouco máis alá e facer cousas que demostran un nivel de altruísmo, xenerosidade e comprensión que nos sitúa por riba do cotián.
E seguín dándolle voltas o asunto (o paseo era longo) e comecei a pensar que ese momento de transcendencia no que quero crer non ten porqué ser un momento puntual nas nosas vidas. Descubrín que no día a día todos e todas temos oportunidades de demostrar que somos algo máis que animais gregarios capaces de crear música e poesía. Pensei que apenas cen metros antes se me presentara a oportunidade de transcender cando atopei, como cada mañá, na porta da estación de autobuses a dous homes durmindo no chan. E como cada día que paso por alí pensei que estaría ben achegarme a eles e preguntarlles se precisaban algo, ou simplemente ir ao Aturuxo, mercar un par de bocatas de calamares (que son ricos ricos) e levarllo sen preguntarlles nada.
E como cada día comecei a pensar que igual non lles parecía ben, ou igual me falaban mal, ou me dicían calquera cousa incomprensible e non sabería que facer ou que dicir... e todo quedou en nada.
Quen sabe, se lle cadra o home que se asona sen pano sabería que facer. Se lle cadra non é necesaria tanta prosa nin tantas andrómenas para deterse diante das persoas e ver o que nos iguala e nos fai semellantes. Se lle cadra debaixo de tanta aprendizaxe cultural e de tanto coñecemento estéril e de tanto individualismo e de tanto sentimento de posesión e de pertenza non somos máis que sustancia pensante que ás veces sinte a necesidade de verse reflectida no outro, de saber que compartimos unha mesma esencia e que por iso, simplemente, val a pena deixar aflorar esa parte de humanidade que nos fai transcender.




No hay comentarios:

Publicar un comentario