viernes, 31 de julio de 2015

Anotación do 31 Xullo 2015



Nestes días de dispersión emocional que tan acotío sufro dedícome a navegar por internet na procura de novas afeccións ou intereses para evitar poñerme a escribir, ou estudar ou facer calquera outra cousa que penso que pode ser de proveito. 

Case sempre remato en páxinas raras e decidindo informarme máis sobre temas moi variados, como pode ser o coleccionismo de fotos de percebes ou a observación de nubes ainda que chova. Pero antes de chegar a estes sitios tan rariños vou arribando en páxinas dedicadas á literatura ou en blogs nos que alguén da consellos sobre como escribir, como organizar á nosa vida en internet ou como conseguir ser popular nisto das redes sociais.

E sempre remato abraiado co montón de xente que hai facendo cousas boas en internet. Hai verdadeiros profesionais nisto dos blogs, aínda que sospeito que moitas veces son versións doutras páxinas e doutros sitios. Pero a cousa é que nos últimos días coincidín pola rede con xente que daba consellos para potenciar as nosas creacións literarias en internet. E descubrín que moitas destas recomendacións xa as teño aplicado neste blog. Fai tempo que me presentei e que comentei que o que aquí publicaría sería creación miña, para ben ou para mal. Tamén intento poñer algunha imaxe para que non vos cansedes e procuro que o que escribo poida lerse nun par de minutos. Tampouco quero roubarvos moito tempo.

Sen embargo o que non consigo e ser constante. E xa non se trata só do pouco tempo do que dispoño. Ás veces comezo a escribir e ao pouco penso que é unha verdadeira parvada e boto no lixo aquelas reflexións que uns minutos antes me parecían interesantes. Tamén acontece que algúns relatos comezan a medrar e a semellarse máis a un conto que a unha entrada para un blog. 

Pero creo que o que realmente impide que este blog medre é a falta dunha orientación clara. Comecei a escribir por escribir, sen ter moi claro o que quería contar pero cunha claramente orientado á literatura, pero agora descubro que ademais de inventar historias moitas das cousas que escribín falan sobre mín. En lugar de inventar parece que o que me pide o corpo é levar unha especie de diario como o que levo dende fai anos en cadernos de papel. 

Certamente, esta tendencia xa está presente dende o principio. Mar de Beaufort sempre tivo algo de caderno de bitácora e ao reler as cousas que escribín para presentarme e para presentar esta páxina descubro que case nada cambiou dende entón. Teño a intención de facer novas cousas e non sei se integralas aquí ou crear novos espazos de comunicación. Pode que separe claramente a parte creativa da parte autobiográfica, pero diso irei informando cando todo vaia avanzado. 

Entrementres, naveguemos.




No hay comentarios:

Publicar un comentario