Camiñaba
eu por Compostela pensando na infinitude do espíritu que nos fai
distintos ao resto da creación cando vexo a un tipo ranqueando cara
a mín. De súpeto bota a man á cara e tapando un buratiño do nariz
decide expirar fortemente polo outro, liberándose así de certa
mucosidade que sen dúbida lle molestaba ao respirar.
Eu
teño visto facer esta operación infinidade de veces, pero como
nesta ocasión andaba enleado en tal altos pensamentos o feito en si
pareceume tremendamente vulgar e porcallento, e inevitablemente
comecei a dubidar do espírito elevado e infinito deste homiño. Un
espírito pouco evolucionado, matinei, coas aplicacións totalmente
obsoletas...
Pero
como o que preciso son certezas universais e aplicables a todo o
mundo pois comezo a pensar que incluso esta persoa terá, ou tivo no
pasado, o seu momento de transcendencia. Esa situación que a todos
nos pasa algunha vez, unha oportunidade de demostrar que hai algo
máis que carne e materia pensante en nós. Que ás veces somos quen
de ir un pouco máis alá e facer cousas que demostran un nivel de
altruísmo, xenerosidade e comprensión que nos sitúa por riba do
cotián.
E
seguín dándolle voltas o asunto (o paseo era longo) e comecei a
pensar que ese momento de transcendencia no que quero crer non ten
porqué ser un momento puntual nas nosas vidas. Descubrín que no día
a día todos e todas temos oportunidades de demostrar que somos algo
máis que animais gregarios capaces de crear música e poesía.
Pensei que apenas cen metros antes se me presentara a oportunidade de
transcender cando atopei, como cada mañá, na porta da estación de
autobuses a dous homes durmindo no chan. E como cada día que paso
por alí pensei que estaría ben achegarme a eles e preguntarlles se
precisaban algo, ou simplemente ir ao Aturuxo, mercar un par de
bocatas de calamares (que son ricos ricos) e levarllo sen
preguntarlles nada.
E
como cada día comecei a pensar que igual non lles parecía ben, ou
igual me falaban mal, ou me dicían calquera cousa incomprensible e
non sabería que facer ou que dicir... e todo quedou en nada.
Quen
sabe, se lle cadra o home que se asona sen pano sabería que facer.
Se lle cadra non é necesaria tanta prosa nin tantas andrómenas para
deterse diante das persoas e ver o que nos iguala e nos fai
semellantes. Se lle cadra debaixo de tanta aprendizaxe cultural e de
tanto coñecemento estéril e de tanto individualismo e de tanto
sentimento de posesión e de pertenza non somos máis que sustancia
pensante que ás veces sinte a necesidade de verse reflectida no
outro, de saber que compartimos unha mesma esencia e que por iso,
simplemente, val a pena deixar aflorar esa parte de humanidade que
nos fai transcender.

