Fai máis de cinco anos que abrín as portas deste blog anotando que tiña a sensación, case a certeza de que non había ninguén ao outro lado, de que isto de internet non é máis que un inmenso lugar cheo de xente no que non sentimos a presenza de ninguén.
Comecei a escribir sobre todo de min, sen ter moi claro o que quería contar ou que quería facer con este sitio. Quería unha bitácora persoal, íntima, ou máis ben unha taberna na que contar historias? Quería falar de min e das miñas preocupacións de persoa inmatura ou quería escribir relatos?
Supoño que optei por meter aquí un pouco de todo, de cando en vez algunha historia e cando me parecese algunha reflexión persoal sobre calquera tema que me parecese oportuno.
E foron chegando as personaxes e as historias, e tamén algún que outro comentario que me demostraba que realmente había alguén ao outro lado, persoas dispostas a ler e a escribir algo, e iso está moi ben. Coa cantidade de blogs e de páxinas que existen, e co grande número de persoas que hai facendo moi boas cousas é de agradecer cada visita, cada comentario e cada "Me gusta" do facebook.
Navegando por estes mares descubrín que algo importante nisto dos blogs é preguntar de cando en vez aos lectores o que pensan ou o que esperan deste sitio. Dende fai tempo quero rematar algunha das historias que fun comezando ao longo dos meses. Hai personaxes que cando se toman unhas cervexas na Taberna de Beaufort me preguntan que que pasa con eles, se vou deixalos navegando á deriva polos xeados mares ou vou ir pechar por fin os seus periplos ficcionais.
Por iso vou engadir unha pequena enquisa neste blog para que poidades escoller aquela historia que vos gusta máis, se preferides que escriba un pouco de todo ou se non queredes cousa ningunha.
(A enquisa está no lado esquerdo...)
No hay comentarios:
Publicar un comentario