Non recorda dende cando é así. Nos seus primeiros recordos de infancia vese a si mesmo como un neno normal. Xoga, manchase, racha os pantalóns e esquece ás veces meter os libros na mochila, apagar a luz da habitación ao saír ou lavar os dentes antes de deitarse. O esperable dun cativo de nove, dez doce anos.
Pero nalgún momento da adolescencia a vida foi tornándose máis complicada. Nos primeiros anos do BUP necesita ter a mochila preparada a noite antes; antes de saír da casa ten que asegurarse de que leva os bolígrafos e os cadernos, os libros colocados ao mesmo xeito, os cordóns das zapatillas deportivas con dúas lazadas. No COU a situación comeza a ser preocupante para a súa familia, aínda que non lle dan demasiada importancia. Os nervios pola selectividade, pensan.
A universidade móstralle claramente que é unha persoa altamente obsesiva. Case todo o que fai ten que facelo dúas veces, asegúrase de ter apagado o lector de CD's, de ter collido o bono do autobús, lava a mazá de media mañá dúas veces, limpa os zapatos dúas veces, sae da ducha e volve menterse por se lle quedaron as axilas sen lavar. Nas súas primeiras relacións sexuais insiste en poñer dous preservativos, e no traballo de fin de carreira remata facendo dúas versións distintas.
O día da súa voda o convite comezou case dúas horas máis tarde do previsto e o fotógrafo perdeu a paciencia varias veces. Cada fotografía ten que ser revisada e repetida varias veces, e de cada vez ten que facer un repaso completo á súa roupa, aos zapatos, ao ramo da noiva. E como non podía ser doutra maneira casou dúas veces, tivo dous fillos con cada muller e con cada unha houbo unha segunda oportunidade.
Na súa empresa é considerado un home meticuloso e moi traballador, pero ninguén quere compartir proxectos con el pois iso supón rematar un día si e outro tamén facendo horas extra. Nas cenas de traballo revisa coidadosamente os pratos e os cubertos antes de comer, e limpa as copas con dous panos antes de que lle sirvan o viño.
Por fin, e como non podía doutro modo, mesmo despois de xubilarse pediu o reingreso, sendo un dos poucos traballadores que se xubilaron dúas veces. Non podemos saber se foi intencionado, ou foi a mesma morte a que quixo cumprirlle o gusto, pero milagrosamente recuperouse dun infarto no que xa o daban por morto para morrer, dous anos despois, ao caer dun segundo piso cando intentaba limpar a ventá de dobre cristal da súa segunda vivenda.

No hay comentarios:
Publicar un comentario