Compostela é o que ten. Algúns falan por falar
cando din que que si a choiva, que si as pedras molladas e os ecos do vento
polas rúas milenarias desta cidade. Compostela ten luz no outono, e ten os
matices propios dos nosos montes cando caen as follas. Si amigos, en Compostela
vin beirarrúas que parecen os camiños do Courel e escoitei ás vellas árbores
bisbando historias de meigas namoradas fuxindo a cabalo dos trasgos polo monte
do Pedroso. Compostela é arte, e non só cando chove. Estes amañeceres laranxa
pola banda do Pico Sacro, os dediños do sol acariñando ás follas dos carballos
de Santa Susana e deixando un ronsel de luz e brétema no chan. A historia
camiñando á nosa beira, a telúrica enerxía dos lugares sagrados, deses cruces de
camiños que xa eran lugar de peregrinación fai miles de anos. Isto é o que ten
Compostela, isto é o que aporta esta cidade a todo aquel capaz de sentir máis
aló dos sentidos.
E se lle cadra por iso levo unhas semanas coa
sensación de ir desprendendo enerxía. Aproveito a muda outonal para soltar
lastre, para deixar a un lado algúns proxectos, tal vez abandonalos
definitivamente e centrarme nunhas poucas cousas. Direi que os doce contos dos
que xa vos falara van por bo camiño. Xa naceron
e cando vaian algo máis crecidos ireinos presentando neste blog. Non
teño claro como farei, algún xa é demasiado longo para unha soa entrada e pode
que faga versión curta para o blog e versión estendida para publicar. Xa
sabedes, como nas películas.
E coma un ratiño no seu labirinto ándolle dando
voltas ao tema da novela, aquela cousa da que xa teño falado noutras ocasións.
Creo que vou poñerme a berrar “Marchando, que fan falta as camas!!” e deixar
que a miña capacidade creadora se centre noutras historias que levan tempo
pedindo o seu espazo. Por iso vou formatar o meu maxín e para gañar espazo
publicarei por entregas a novela no blog que fai tempo abrín para ir comentando
como era isto de escribir. Será a única maneira de desfacerme deses papeis que
falan sobre personaxes que levan agardando demasiado tempo por un desenlace.
Entrementres, naveguemos.