Mostrando entradas con la etiqueta Budismo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Budismo. Mostrar todas las entradas

jueves, 26 de mayo de 2016

Non corras!!


Estaban diante miña na caixa do supermercado. Un home e unha muller, unha parella de vellos que viñan de facer a compra semanal e agardaban a súa vez para pagar. Xa tiñan todo enriba da cinta e borboriñaban entre eles, organizando seguramente o resto do día, cando de súpeto se decataron de que esqueceran coller o pan.
A muller, pequerrecha e bulideira, marchou na procura do pan mentres o home miraba con cara de circunstancias. A muller, áxil aos seus ben levados setenta anos, calzaba unhas zapatillas de facer deporte violetas, moi modernas, e pasou por diante miña sorrindo, como dicindo hai que ver que cabeciña a nosa! E o home, coñecéndoa, seguramente despois de cincuenta anos de matrimonio, berroulle cariñosamente aquilo de "Non corras!!"
E algo cambiou.
Eu xa estaba imaxinando como sería a vida destes vellotes. Gustoume ver a un home maior acompañando á súa parella a facer a compra en lugar de estar mirando como arranxan as xa famosas fochancas de Compostela. Gustoume que levaran medio quilo de parrochas, que fritidas están riquísimas e un bote de nocilla porque seguramente a fin de semana virán os netos, ou mesmo os bisnetos!! Gustoume o seu xeito de se mirar, de falarse agarimosamente, e como eran pequerrechos coma nós non puiden evitar avanzar trinta anos na miña propia vida e atoparme comigo mesmo e co meu amor facendo a compra un día calquera da primavera do 2046.
E sentinme ben, satisfeito.
Pero cando escoitei ao home dicir "Non corras", do mesmo xeito e co mesmo amor co que eu llo digo vinte veces ao día ás miñas crianzas o mundo mudou. Mirei para el, el sorriume e eu, que non son de sorriso fácil, notei como se me iluminaba a cara e lle devolvía o sorriso. O home algo debeu entender, seguramente intuíu que eu levo un tempo buscando unha confirmación, unha sinal, un algo que lle dea sentido á vida porque cun pequeno e cómplice movemento afirmativo da súa cabeza comprendín que me dicía que o tiña diante dos meus ollos, que o único sentido que pode ter a nosa existencia é aprender a vivila sen correr, saber camiñar e chegar a vellos de maneira serena, coa tranquilidade vital que dan os días ben levados e coa certeza de que non fixemos mal a ninguén.
Pareceume que ese "Non corras" moi ben podería ser para min, que nos últimos tempos ando correndo detrás daquilo que se me escapa sen chegar a saber o que é. Souben que aquel homiño de máis de setenta anos estaba a me contar que o sentido da súa vida era aquela muller pequerrecha con zapatillas de facer deporte, que sempre vai ás presas de tan rebuldeira que é e que se lle di que non corra é porque non hai presa por chegar, o verdadeiramente importante está sempre no camiño, en ser quen de compartilo con aqueles aos que queremos.
E decidín ser feliz no medio do camiño.
Nin antes nin despois.

Aquí e agora que teño todo cando preciso e non necesito máis nada. 

viernes, 20 de mayo de 2016

Moments d'éternité.



Buscaba acubillo nas palabras,
buscaba entendemento para este ser pensante,
fios cos que tecer o futuro
comprendendo os retallos do pasado.

Buscaba explicaciones para los fracasos,
quería recuperar amistades,
volver al estremecimiento de los quince años
cuando todo era nuevo, cuando el verbo era tan real y poderoso
que hablar era una manera de actuar.

Andaba confuso na procura de certezas
esculcando nos ollos do outro
o reflexo do que eu era,
unha imaxe que me materializase,
unha confirmación da miña existencia
como parte importante no mundo dos demais.

Pero la única certeza es la vida,
la esencia perpetuándose a través de generaciones
la irrenunciable lucha de la madre
asegurando la pervivencia de su estirpe.

O fluir da eternidade a través de mín,
ese retrinco de divinidade que son,
esa casualidade que me fai existir,
ser algo máis que materia neste preciso instante,
posuír conciencia, vontade e enerxía neste lugar e neste momento
que patéticamente me empeño en desaproveitar.

Mais parfois, je suis le feu,
je suis volonté, je suis intensité
Je peux conquérir le monde, traverser les mers,
escalader les montagnes et retour...
Retour tous les soirs, mon amour,
embrasser votre taille, votre petit corps
et dormir, rêver peut-être.


And now I'm here,
looking for eternities in your body,
the body that performed the miracle of creation
and I thing that the only meaning of life
it's consciously live.





lunes, 30 de noviembre de 2015

Un sol calquera.


Hoxe vin amañecer.

Saiamos polo portal e vin o sol asomando por detrás dunha árbore, ao ladiño do Pico Sacro.

Se tivera un teléfono con cámara tería tirado unha boa fotografía, pero en lugar diso collínlle a man ao meu fillo e decidín investir na nosa existencia en común. Díxenlle que mirara para o sol, como ía subir rápidamente e facerse grande e grande. Díxenlle tamén que era unha sorte para os dous poder ver o amañecer, que comezaba outro día e que estabamos xuntos, que poderiamos ser felices e facer unhas cantas cousas, que os catro estamos ben e que o día ía ser estupendo. 

Iso todo díxenllo mentres un inmenso sol outonal ía enchendo a mañá, facendo brilar a branca xeada e acariñando as nosas orellas e o naris. 

E pensei que todo é máis sinxelo do que tendo a pensar. Que os papas e mamas actuais nos complicamos demasiado a vida querendo ofrecer mil cousas ás nosas crianzas e rematamos embarullándoos entre o obradoiro de astronomía, as clases de inglés, a piscina dos venres e o contacontos dos sábados. Todo é máis sinxelo que todo iso, un amañecer calquera, unha xoaniña paseando polas nosas mans, coller un pau para botarlle un pouco de cuspe e ver se podemos pegar de novo esa folla que caeu... 



E como sabedes xa que son un tipo que tende a pensar de máis, foiseme a cabeza ás vidas que levamos, a este ir e vir con presas dun lado para outro para facer cousas que moitas veces non nos aportan nada. Cantas veces, pensei, non pasaremos por diante das cousas importantes sen decatarnos sequera. Cantos xestos positivos non nos perderemos por estar centrados nas pequenas infamias diarias. 

En fin.

Sei que tí pensaches o mesmo máis dunha vez. Aquí, neste noso xa querido Mar de Beaufort non hai nada novo e hai moi poucas cousas orixinais. Pero é o meu espazo e quero compartilo contigo. E se tes a oportunidade de facelo non dubides en disfrutar do amañecer, detente e comparte ese momento. Xa sei que levarás presa, que terás que coller o autobús, que xa estarás no traballo a tope, que chegas tarde á escola.. Pero val a pena facer o esforzo, sentir que estás noutro día máis neste preciso planeta. Somos vida, e iso, aínda que pareza normal, é algo tremendamente excepcional dentro desta inmensidade que é o universo e a nada. 




viernes, 9 de octubre de 2015

O sete de outubro.



Eu non sei explicalo demasiado ben, pero dende que son budista sinto que as cousas van cadrando, que os días teñen certa lóxica e que arredor de min vai xurdindo unha rede de conexións que antes ou ben non existían ou non eran tan evidentes.

Como xa conto nalgún outro lugar deste blog, sempre tiven certa tendencia espiritual. Nos meus anos mozos lin bastante sobre budismo, poderes telúricos e outras teorías sobre as enerxías que nos rodean e que entran dentro do ocultismo e da parapsicoloxía. Incluso cheguei a practicar en diferentes etapas ioga, Tai-Chi e meditación. Porén, nunca cheguei a afondar o suficiente nestes temas e como acontece con case todo o que lin durante todos estes anos non recordo case nada.

Así e todo, algo deste coñecemento debeu quedar en min porque todas estas novas teorías psicolóxicas que tratan de ensinarnos a controlar as emocións e a establecer relacións máis humanas cos outros me resultaban xa familiares, e lendo algún libro sobre o tema parecíame que iso xa o lera antes nalgunha outra parte.

Entón busquei nos meus libros e descubrín que moitos parágrafos que subliñei a comezos dos anos noventa están de plena actualidade e que aquilo que os budistas levan explicando miles de anos é agora o máis avanzado da neurociencia cognitiva. Tampouco é estraño, tendo e conta que os físicos están enleados en demostrar cientificamente o que os gregos afirmaban sobre a materia e as partículas primixenias e infinitas. Non teño dúbida de que acabarán chegando á conclusión de que detrás de todo o físico existe algo espiritual, algo que é a esencia das cousas, que lles da vida ou realidade.

Pero falaba dunha rede de conexións que sinto que se van tecendo ao meu redor. Xa sei que pode parecer simple azar e que pode parecer o máis normal do mundo, pero para min é moi importante o feito de que nun mesmo día poida falar coas tres das persoas que sinto máis próximas a min, con estas amizades veteranas das que falaba fai anos, persoas coas que compartín a vida a diario e que agora vexo de cando en vez, ás veces anualmente.

Pero están aí, e como dende fai unhas semanas sinto que vou atraendo conversacións e contacto humano non me pareceu raro que no mesmo día poida mirar aos ollos a tres persoas ás que quero moitísimo e poidamos compartir un tempo xuntos. Nesta época na que facemos a nosa vida social a través das redes sociais e dos teléfonos é de agradecer poder sentir o contacto dos outros, unha man un abrazo. E saber que nese preciso instante estamos xuntos no mesmo tempo e no mesmo espazo. Este é, sen dúbida, o sentido da vida.