Eu non sei explicalo demasiado ben, pero dende que son
budista sinto que as cousas van cadrando, que os días teñen certa lóxica e que
arredor de min vai xurdindo unha rede de conexións que antes ou ben non
existían ou non eran tan evidentes.
Como xa conto nalgún outro lugar deste blog, sempre tiven
certa tendencia espiritual. Nos meus anos mozos lin bastante sobre budismo,
poderes telúricos e outras teorías sobre as enerxías que nos rodean e que
entran dentro do ocultismo e da parapsicoloxía. Incluso cheguei a practicar en
diferentes etapas ioga, Tai-Chi e meditación. Porén, nunca cheguei a afondar o
suficiente nestes temas e como acontece con case todo o que lin durante todos
estes anos non recordo case nada.
Así e todo, algo deste coñecemento debeu quedar en min
porque todas estas novas teorías psicolóxicas que tratan de ensinarnos a
controlar as emocións e a establecer relacións máis humanas cos outros me
resultaban xa familiares, e lendo algún libro sobre o tema parecíame que iso xa
o lera antes nalgunha outra parte.
Entón busquei nos meus libros e descubrín que moitos
parágrafos que subliñei a comezos dos anos noventa están de plena actualidade e
que aquilo que os budistas levan explicando miles de anos é agora o máis
avanzado da neurociencia cognitiva. Tampouco é estraño, tendo e conta que os
físicos están enleados en demostrar cientificamente o que os gregos afirmaban
sobre a materia e as partículas primixenias e infinitas. Non teño dúbida de que
acabarán chegando á conclusión de que detrás de todo o físico existe algo
espiritual, algo que é a esencia das cousas, que lles da vida ou realidade.
Pero falaba dunha rede de conexións que sinto que se van
tecendo ao meu redor. Xa sei que pode parecer simple azar e que pode parecer o
máis normal do mundo, pero para min é moi importante o feito de que nun mesmo
día poida falar coas tres das persoas que sinto máis próximas a min, con estas
amizades veteranas das que falaba fai anos, persoas coas que compartín a vida a
diario e que agora vexo de cando en vez, ás veces anualmente.
Pero están aí, e como dende fai unhas semanas sinto que
vou atraendo conversacións e contacto humano non me pareceu raro que no mesmo
día poida mirar aos ollos a tres persoas ás que quero moitísimo e poidamos
compartir un tempo xuntos. Nesta época na que facemos a nosa vida social a
través das redes sociais e dos teléfonos é de agradecer poder sentir o contacto
dos outros, unha man un abrazo. E saber que nese preciso instante estamos
xuntos no mesmo tempo e no mesmo espazo. Este é, sen dúbida, o sentido da vida.
No hay comentarios:
Publicar un comentario