viernes, 16 de octubre de 2015

Anotación do 16 Outubro 2015





Curiosamente, algúns días de outono veñen preñados de forza e de luz e fan que en lugar de pensar en recollernos e prepararnos para un frío inverno queiramos comezar novos proxectos, facer cousas novas ou probar o secreto de porco á grella con redución de mencía do dezaseis.




Compostela é o que ten. Algúns falan por falar cando din que que si a choiva, que si as pedras molladas e os ecos do vento polas rúas milenarias desta cidade. Compostela ten luz no outono, e ten os matices propios dos nosos montes cando caen as follas. Si amigos, en Compostela vin beirarrúas que parecen os camiños do Courel e escoitei ás vellas árbores bisbando historias de meigas namoradas fuxindo a cabalo dos trasgos polo monte do Pedroso. Compostela é arte, e non só cando chove. Estes amañeceres laranxa pola banda do Pico Sacro, os dediños do sol acariñando ás follas dos carballos de Santa Susana e deixando un ronsel de luz e brétema no chan. A historia camiñando á nosa beira, a telúrica enerxía dos lugares sagrados, deses cruces de camiños que xa eran lugar de peregrinación fai miles de anos. Isto é o que ten Compostela, isto é o que aporta esta cidade a todo aquel capaz de sentir máis aló dos sentidos.







E se lle cadra por iso levo unhas semanas coa sensación de ir desprendendo enerxía. Aproveito a muda outonal para soltar lastre, para deixar a un lado algúns proxectos, tal vez abandonalos definitivamente e centrarme nunhas poucas cousas. Direi que os doce contos dos que xa vos falara van por bo camiño. Xa naceron  e cando vaian algo máis crecidos ireinos presentando neste blog. Non teño claro como farei, algún xa é demasiado longo para unha soa entrada e pode que faga versión curta para o blog e versión estendida para publicar. Xa sabedes, como nas películas.







E coma un ratiño no seu labirinto ándolle dando voltas ao tema da novela, aquela cousa da que xa teño falado noutras ocasións. Creo que vou poñerme a berrar “Marchando, que fan falta as camas!!” e deixar que a miña capacidade creadora se centre noutras historias que levan tempo pedindo o seu espazo. Por iso vou formatar o meu maxín e para gañar espazo publicarei por entregas a novela no blog que fai tempo abrín para ir comentando como era isto de escribir. Será a única maneira de desfacerme deses papeis que falan sobre personaxes que levan agardando demasiado tempo por un desenlace.

Entrementres, naveguemos.


No hay comentarios:

Publicar un comentario