Mostrando entradas con la etiqueta No segundo caixón. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta No segundo caixón. Mostrar todas las entradas

jueves, 12 de noviembre de 2015

A sabotaxe do USB



Por mor da irreconciliábel vida laboral e familiar estes días vou camiñando ao traballo. Son tres quilómetros de ida e outros tres de volta, e tardo unha media hora en cada traxecto. Como estamos no veraniño de San Martiño o paseo é agradábel, aínda que hai días nos que a néboa é tan mesta que chego algo mollado ao traballo. Pero non vai frío ningún e incluso no camiño de volta a casa teño que ir sacando prendas como se fose unha cebola.


Como é ben sabido, isto de camiñar e unha moi boa cousa. Osixenas o cerebro, pos a funcionar o corpo e algo de química debe xerarse pois a medida que camiño comezo a sentirme máis optimista, máis vital. Como xa anotei noutro lugar, nestes días estou dedicando o pouco tempo do que dispoño a escribir doce contos ou relatos breves coa idea de ter algo concreto para publicar nalgún sitio, ademais de neste blog. Tamén estou reescribindo a novela para publicala por entregas antes de que o narrador acabe con todo. Ben, o de sempre. Son un deses tipos con demasiados paxariños na cabeza e por iso sempre vou matinando nas miñas cousas e escoitando rechouchíos. Que si unha trama por aquí, que si un personaxe que quere ser o rei da pista, que si podo incluír este relato naquel outro...


Andrómenas...


Pero o caso é que cando vou camiñando é cando teño as mellores ideas e cando as frases, e ás veces os parágrafos, saen sen dificultade algunha. Cantas cousas non tería escrito xa se puidese recordar todo o que para pola miña cabeza cando vou camiñando!! E así acontece que vou animándome e sinto que o cerebro vai unindo pezas e co entusiasmo vou acelero o paso e case podo escoitar a banda sonora de Rocky mentres vexo a Silvester Stallone subindo escaleiras e de súpeto sinto que xa está, que por fin collín o ritmo e que en canto chegue a casa poñereime a escribir e non haberá final que se me resista. Véñome arriba.
Chego a casa queimando calorías e séntome diante do ordenador intentando abrir a memoria USB na que teño gardadas as carpetas cos documentos dos distintos proxectos nos que estou traballando. De súpeto aparece unha estraña mensaxe do Microsoft Windows que me pide que formatee o disco para poder usalo. Cómo? Se xa o usei pola noite e ía perfectamente!



Intento pasarlle un antivirus, abrilo co botón dereito, explorar e o resultado é sempre o mesmo. Aquí non hai nada, mozo, dime o ordenador poñéndose xa un pouco farruco e cuestionando a miña capacidade de entendemento con iso dos documentos e arquivos.




Volvo a queimar calorías, desta vez un pouco nervioso e intentando recordar a última vez que gardei os borradores dos contos no ordenador. Fai unha semana? Fai dúas? Non é que escribira moito nos últimos días, a verdade, pero non é nada divertido chegar a casa entusiasmado e coa certeza de que desta vez vou avanzar e descubrir que hai que volver atrás. Non por ter que volver a escribir o que xa tiña escrito senón pola posibilidade de que apareza algunha personaxe nova que intente roubar protagonismo aos veteranos da novela ou mesmo que o narrador continúe revolucionándome o galiñeiro.




viernes, 16 de octubre de 2015

Anotación do 16 Outubro 2015





Curiosamente, algúns días de outono veñen preñados de forza e de luz e fan que en lugar de pensar en recollernos e prepararnos para un frío inverno queiramos comezar novos proxectos, facer cousas novas ou probar o secreto de porco á grella con redución de mencía do dezaseis.




Compostela é o que ten. Algúns falan por falar cando din que que si a choiva, que si as pedras molladas e os ecos do vento polas rúas milenarias desta cidade. Compostela ten luz no outono, e ten os matices propios dos nosos montes cando caen as follas. Si amigos, en Compostela vin beirarrúas que parecen os camiños do Courel e escoitei ás vellas árbores bisbando historias de meigas namoradas fuxindo a cabalo dos trasgos polo monte do Pedroso. Compostela é arte, e non só cando chove. Estes amañeceres laranxa pola banda do Pico Sacro, os dediños do sol acariñando ás follas dos carballos de Santa Susana e deixando un ronsel de luz e brétema no chan. A historia camiñando á nosa beira, a telúrica enerxía dos lugares sagrados, deses cruces de camiños que xa eran lugar de peregrinación fai miles de anos. Isto é o que ten Compostela, isto é o que aporta esta cidade a todo aquel capaz de sentir máis aló dos sentidos.







E se lle cadra por iso levo unhas semanas coa sensación de ir desprendendo enerxía. Aproveito a muda outonal para soltar lastre, para deixar a un lado algúns proxectos, tal vez abandonalos definitivamente e centrarme nunhas poucas cousas. Direi que os doce contos dos que xa vos falara van por bo camiño. Xa naceron  e cando vaian algo máis crecidos ireinos presentando neste blog. Non teño claro como farei, algún xa é demasiado longo para unha soa entrada e pode que faga versión curta para o blog e versión estendida para publicar. Xa sabedes, como nas películas.







E coma un ratiño no seu labirinto ándolle dando voltas ao tema da novela, aquela cousa da que xa teño falado noutras ocasións. Creo que vou poñerme a berrar “Marchando, que fan falta as camas!!” e deixar que a miña capacidade creadora se centre noutras historias que levan tempo pedindo o seu espazo. Por iso vou formatar o meu maxín e para gañar espazo publicarei por entregas a novela no blog que fai tempo abrín para ir comentando como era isto de escribir. Será a única maneira de desfacerme deses papeis que falan sobre personaxes que levan agardando demasiado tempo por un desenlace.

Entrementres, naveguemos.