Como
ben sabedes, non son moi dado a
falar de min mesmo, pero hoxe aconteceume unha desas cousas que
provocan en nós certas descubertas:
Sempre podemos aprender cousas novas, o importante é estar atentos ao que acontece ao noso arredor.
De cando en vez debemos ver o mundo como crianzas para desfrutar do momento e das persoas que nos acompañan.
As palmeiras de chocolate xa non son o que eran.
Pois hoxe estaba coas miñas tarefas de crianza cando me din conta de que ía camiñando ao lado dun superheroe. Xa máis dunha me sentira admirado coa súa forma de camiñar polo mundo, coa seguridade que desprenden cada vez que van ao noso lado, tal vez pola confianza que teñen en nós ou porque non teñen medos nen presas. O tempo é algo que polo de agora non vai con eles.
O caso é que el ía disfrazado e levaba unha capa vermella, e foi ao mirar para el que dalgún modo fun eu o que sentín seguro e confiado. Sentín unha mistura de alegría e tristeza; alegría ao comprobar que as cousas van saíndo ben, aínda que por veces todo pareza poñerse costa arriba; tristeza ao ver que van facéndose maiores e cada vez son máis os momentos nos que queren, e precisan, camiñar sós.
Por iso deume por rir e sentirme feliz, e por uns segundos tiven a sensación de estar camiñando non ao lado dun neno senón ao ladiño dun superheroe capaz anular, cun sorriso, toda a tristeza e todo o cansazo que van acumulando os anos de adulto.
E de súpeto, sen que viñera a conto, vai e me pregunta
- Papá, eu sempre fun así de guapo?
O que vos dicía, un superheroe co superpoder da autoestima.






