O
autobús das once e media sube con atraso, pensou ela mentres
intentaba ver a hora a través das vellas cortinas da cociña. Levaba
un bo pedazo ao sol, á beira do pozo, mentres el ía da cancela ao
cabazo, do cabazo ao vello alpendre onde gardaban o tractor e outra
vez a empezar. A mesma historia de todos os días, semana tras semana
e mes tras mes. Facía tempo que xa non tiñan presa. Que presa ían
ter, con fillos convertidos en homes e as netas xa criadas e
estudando na capital. A vida pasara como un suspiro e agora xa non
tiñan nada que agardar, e sen embargo ela notaba nel a mesma
inquedanza dos vinte anos, cando mercaran aquel terreo e cada día
despois do xornal él ía arrombando pedra sobre pedra para ir
facendo aquela mesma casa na que agora deixaban pasar as mañás ao
sol.
Daqueles
primeiros días recordaría ela as ganas que tiñan sempre de
comerse, os encontros apurados e intensos en calquera lugar, donos
como eran de si mesmos e do seu tempo. Mesmo cando a súa preñez xa
era molesta para todo aínda lle quedaban ganas para arrimarse a él
e deixalo facer. Agora mirábao e aínda podía ver nos seus ollos
negros algo daquela fogosidade, unha necesidade de ocupar o tempo, de
estar sempre facendo algo. Así fora toda a vida e así levantaran a
casa e a familia. Volveu mirar para el. Agora entretíñase coas
polas do vello carballo, o que plantara no fondal, á beira da pista
da Igrexa Vella. Trouxérao coa carretada de leña que xuntara para
acender o forno pola vez primeira. Ela recordaba aquel día porque
fora cando nacera a maior das súas fillas, a que tan enfermiña
estivera. Aquela árbore convertérase co tempo nunha parte moi
importante da casa, de feito para os veraneantes e os da vila era
coñecida como a casa do carballo. Aos indianos dáballes por plantar
palmeiras ou pinos, pero el decidira plantar un carballo do monte.
Daralle forza á terra, miña sogra, díxolle no momento de plantalo
á nai da súa muller, que viñera pasar uns días na casa para
atender no parto á súa filla. Canta vida pasara á sombra daquela
árbore. Ela achegouse a el cun par de brincos e xuntos escoitaron as
doce badaladas no reloxo do concello.
O
atraso do autobús das once e media era xa moito. Nos últimos meses
afixéranse a ver pasar o autobús cada mañá. Servíalles para
marcar o tempo, para situarse no día. Media mañá ía fora e era o
momento de saír voando cara os prados, no outro lado do Regato da
Loba, onde o sol non chegaba até ben andando o día. Despois
volverían polo alto do Muiño e atravesarían a aldea de Ferreira.
Con algo de sorte poderían dar un pe de leria con algún que, coma
eles, xa non levaba máis ansia que recordar os días pasados.
Os
da guerra foran os peores. Ela preñada de novo e a meniña tan falta
de todo. Aquel inverno pensou que lle marchaba, que Deus noso señor
llela arrincaba das mans. E se lle cadra esa era súa intención, que
ben sabían eles que Deus nunca os tivo en moita estima. E non foi
Deus, senón a vella tola que vivía no Soutovello a que se ocupou da
meniña, a que cada un dos días nos que o seu home estivo no fronte
de guerra viña pola casa e sempre traía algo. Media de leite, unha
bola de pan, un par de chourizos. Téñolle lei ao teu home, dicía
aquela muller da que contaban que toleara ao nacer por un mal vento.
Ao parecer sempre que baixaba do monte paraba na súa porta para
deixarlle unha pouca leña de carballo para pasar o inverno ao
quente, ou estrume para a corte da ovella ou simplemente para darlle
conversa do que fora, que ben sabía ela que aquel mozo, que non a
coñecía de nada, o que quería era saber se estaba ben ou se lle
faltaba algo. Tes un bo home, diríalle un cento de veces, non o
vaias deixar marchar. E ben sabía ela que tiña un bo home da casa,
e por iso non lle importou cando volveu da guerra con media perna
esnaquizada, que pouco faltou para que lla cortasen. E por iso non
deixou de ir un só día a cidade a visitalo ao hospital no que
estivo tantas semanas ingresado antes de poder traelo para casa. E
por iso durante todos e cada un dos anos seguintes sentiuse feliz a
carón daquel home co que sacou adiante a familia sen importarlle ren
os comentarios da estirada xente da vila, que sempre había algunha
que a miraba para ela con cara de pena. E ela sorría é pensaba que
o que lle faltaba de perna non impedía que fose un home na cama, e
aí estaban as cinco criaturas que criaron para demostralo. E cando
lle dicían vaia muller, vaia pena o do teu home, con esa perniña
que ten que da pena velo camiñar ela respondía que tiña as súas
vantaxes, que así non apuraba as tardes dos domingos á Casa da
Xenoveva, como facían os homes da vila despois do partido. Que a
saber que era o que lles faltaba na casa para ter que buscalo fora.
Unha
nube atravesa rapidamente o ceo e polo chan deslízase unha sombra.
Sen pensalo van buscando a parte soleada da horta e chegan ao beiral
de diante do arrimo. Naquel comareiro fixeran o cerrado para os
ovellas e aínda agora notábase que o terreo era distinto, coma se a
herba gardase memoria dos moitos anos de abono e pastoreo. Cando
ampliaran a estrada da vila leváranlles unha boa parte de terra e
quedara unha pequena franxa de terreo entre a casa e o asfalto. Moita
carraxe tiveran que tragar, coñecedores como eran de que o
aparellador do concello fixera e desfixera para que lles levasen a
eles a maior parte do terreo. No outro lado estaban os montes dos da
Piluca, os falanxistas da vila, e ben sabían que non valían papeis
nin reclamacións. Era ela a que tiña que calmalo e convencelo de
que non había nada bo para eles no Concello, que non había
necesidade de volver por alí e que o mellor era deixar as cousas
como estaban. Foi ela a que nas noites nas que viña bravo e rumiando
calquera barbaridade lle poñía a unha das pequenas no colo e unha
culler na man para que lle dera o caldo. E a que deseguida as metía
na cama da habitación pequena para deitarse espida ao seu carón e
irlle arrincando de vagar, con cariños e bicos, os malos pensamentos
e a xenreira. Nunha desas noites foi cando fixeron os xemelgos. Ela
non quixo saírse a pesar de que el a avisou repetidas veces, que lle
deixara sacar o boi do xugo antes de que a carretada marchara polo
camiño abaixo. O que teña que vir que veña, bisboulle ela mentres
coa lingua lle percorría o borde das orellas e finalmente,
debruzándose sobre el, sentiu no seu interior a intensidade daquel
home, a forza e mesmo algo da rabia que fora acumulando durante
aqueles meses de ir e vir ás oficinas do Ministerio na cidade. Aínda
agora, ao recordalo, sente un pequeno estremecemento no seu interior,
un movemento das ás da memoria que a fan voar a aqueles días, o
parto no que a vella tola do Soutovello lle dixo que viñan dúas
criaturas, e el respondeu que a vida tiña estas cousas, que agora
que os do Ministerio lle levaban o terreo eles aumentaban a familia
por partida dobre. Co paso dos anos, os dous saben que ao final os
días van poñendo a cada un no seu lugar, e que non foi casualidade
que fora un dos xemelgos o que lle gañou a praza de Arquitecto do
concello ao menor dos da Piluca, co moito que alardearon na praza dos
estudios que lle estaban dando aos fillos, que parecía que só os
deles podía estudar e ao final todos foron estudando e todos foron
facendo as súas cousas e tamén os fillos dos pobres chegaron a se
profesores ou doutoras ou dentistas, como a súa pequena, a que veu
porque lle cadrou, porque ela se despistou e a verdade é que pensou
que aos seus anos xa non tiña o forno para máis bolos e como aos
corenta case tiñan tanta fame como aos vinte pois comían de
calquera maneira e pasou o que pasou. E ben que agradecen cada día a
sorte que tiveron con eles, que as criaturas sempre son a alegría
das casas, e se de algo están fachendosos é das mulleres e homes en
que se converteron aquelas crianzas que entre os dous sacaron para
adiante na mesma casa na que agora
Escorréntanse
polo bruído dun camión pola estrada. O tempo foi pasando entre
recordos e xa o día está mediado. O autobús das once e media debeu
subir sen que se decataran e agora estaba a piques de volver para
abaixo, coa pouca xuventude que aínda vive na vila e que fan o
camiño de regreso a casa. Aquela vila sempre fora das máis poboadas
da comarca, e mesmo na aldea había unha morea de crianzas facendo
carneiradas polos prados e as leiras. E os seus igual que os outros,
rompendo o que tiñan romper, meténdose en liortas de cando en vez e
mesmo chegando co nariz roto por unha pedrada ou pola pancada dalgún
con máis forza ou con máis xenio. E todo foi pasando tan rápido, o
instituto na cidade, os estudos en Santiago ou na Coruña, ou a
Madrid que se foi a máis nova a rematar, a as vidas que os foron
separando, as parellas, os netos e a netiña que saíu cuspidiña a
ela, cos mesmos ollos alegres e o pelo rizo que da gloria vela.
Vai
anoitecendo e regresan con calma á súa casa. O tellado de lousa,
paredes con verdosas marchas na fachada que mira ao norte, as marcas
que deixou ao seu paso o furacán Hortensia cando levantou as
uralitas do vello alboio e as espetou contra a casa.
A
última raiola de sol ilumina o tellado. O sol escóndese por detrás
da Serra da Capelada. Míranse unha vez máis e saben que é hora de
recollerse. A vellez, cando vai acompañada de moitos anos de compaña
fai que as persoas non precisen das palabras para comunicarse. Case á
vez abren as ás e voan cara ao vello carballo. Póusanse na pola
máis grosa e agardan, como fan todas as noites dende fai xa moitos
anos, dende que o seu tempo foi pasado e escolleron regresar noutra
forma ao lugar no que foron tan felices. Abeirados agardan a que
chegue a noite e que un novo día lles permita recordar todo aquelo
que foron, sabedores como son de que a vida pasa nun suspiro, pero
algo dos amores serenos queda nos espazos que algún día habitaron.








