Un día, calquera día, as cousas volven estar no seu sitio e descubres que o camiño foi duro e cruel, pero que había camiño e había un lugar ao que chegar.
Un día, un luminoso día como o de hoxe, descubres que o periplo foi máis solitario do que esperabas e que as persoas que debían de estar ao teu lado foron desaparecendo en canto comezou a tormenta. E sen embargo, de maneira inesperada, outras chegaron e de forma case imperceptible, pero constante, foron aportando unha palabra de ánimo aquí, un empurrón alá e sempre unha presencia ao teu carón que fixo que sempre te atoparas despois de perderte polas tebras do desespero.
E sabes que a tormenta non pasou, e que virán días de rabia e dor pero nun día como este renovaremos o noso compromiso coa vida e comprenderemos que é polos novos encontros polos que merece a pena continuar no camiño.

No hay comentarios:
Publicar un comentario