-Todos
vos sodes demasiado novos, pero eu recordo os tempos nos que
estabeleceron a norma da orella-
Naquel
momento na taberna so había unha parella falando na mesa da esquina,
unha muller grávida vendo ao seu fillo a través dun terminal de
visión intrauterina e aquel vellote que estivera vendo as noticias
en silencio.
As
noticias, como na última semana, falaban das revoltas que ían
sucedéndose en toda a Metrópole en contra da chamada norma da
orella. Milleiros de cidadáns estaban nas rúas protestando polas
absurdas normas que rexían a convivencia diaria na metrópole e nas
estacións espaciais asociadas. Dende facía anos ninguén podía
camiñar pola rúa sen recibir un apercibimento na súa terminal.
Case todo eran quebrantamentos leves como atravesar unha estrada por
lugares non permitidos ou non respectar as luces que indicaban o
posicionamento peonil de tránsito.
Pero
unha das normas de convivencia máis criticadas era aquela norma á
que ninguén lle atopaba explicación algunha. A norma 143
estabelecía que ningún adulto podía tocar a súa propia orella en
público.
-Escoito
moitas parvadas sobre se a norma da orella ten que ver co dispositivo
de ampliación sensorial que todos levamos no implante da orella
dereita ou coas terminacións nerviosas que ao nacer empregan na
proba da Avaliación psíquica para conectarnos co banco de recordos
comúns.
Parvadas.
A
norma da orella é moi anterior aos implantes auditivos ou á
invención da memoria ampliada.
Todos
vos- dixo o vellote mirando para nós- xa nacestes na época biónica.
Agora vedes normal vivir con implantes e con toda esa tecnoloxía que
vos van inserindo de acordo co Calendario Biónico de Implantes. Mais
cando eu era neno isto non era así. Cando eu nacín ningunha crianza
levaba un implante na orella dereita, aínda que xa se
comercializaban dispositivos subcutáneos que permitían aos cidadáns
liberarse do fastío de levar o comunicador na man ou nas chaquetas.
Teléfonos móbeis, lles chamaban, e seguramente veriades algún no
museo do da Época Moderna que montaron na Estación MIR como
homenaxe a aquela época.
Debido
á nosa formación específica ningún dos presentes podiamos
facernos unha idea de cando fora aquela época. A min sorprendeume
moito que aínda quedase alguén que vivise na Época Moderna, pero a
muller grávida apagou o seu terminal de visión intrauterina e dixo
que cando era cativa Hilario, o seu avó, contáballe historias sobre
aqueles tempos e tiña gardados algúns aparellos que servían para
conectarse con outras xentes. Contou que como era unha nena
preguntona sempre quería saber máis e máis, pero que sempre
chegaba un punto no que o seu avó calaba e exclamaba resignado que
todo aquilo acabou cando aprobaron a norma da orella.
-A
norma da orella foi a primeira do cento de normas que agora temos e
coas que cada vez máis xente está en desacordo- volveu a falar o
vello- Moita desa mocidade que agora está nas rúas reclamando un
cambio pensa que está facendo algo novo, que é a primeira vez que
os metropolitanos se rebelan por algo e rompen coas normas, pero eu
estiven nas primeiras protestas que houbo contra a norma da orella,
nos principios da Era Biónica.
-Logo
non fai tanto tempo que comezou a Era Biónica?- preguntou un home de
barba que acababa de entrar na taberna a tomar a súa barra
enerxético-motivadora- Un dos meus tíos negouse a poñerlle aos
seus fillos o implante coclear. Dicía que era algo artificial e que
as persoas podían sobrevivir sen ningún dispositivo para estar
conectado cos demais, que o mundo da Época Moderna funcionaba sen
necesidade da Base Centralizada de Comunicacións. Eu sempre pensei
que falaba de moito tempo atrás, pero se lle cadra el mesmo vivira
esa época.
-A
BCC xa existía antes, pero tiñamos que conectarnos a través deses
aparellos dos que falaba a rapaza- dixo o vello mirando á muller
grávida- o que pasaba antes era que cada quen podía escoller
conectarse ou non. Agora non. Agora nada máis nacer implántanvos un
dispositivo de ampliación sensorial na orella dereita. Din que é
para que ningún bebé se perda, como se fose tan fácil perder unha
cousa que non fai máis que chorar. En realidade trátase de
introducir a cada individuo no sistema. A través dese implante esa
criatura estará sempre conectada coa Base Centralizada de
Comunicacións e se ben é certo que a medida que medre poderá
acceder de maneira instantánea a toda a información que precise,
non é menos certo que en realidade o acceso á información vaise
modificando segundo a formación específica que o Comité de
Posicionamento Individual da Gran Reunión determina anualmente para
cada un de nós.
Con
cada palabra daquel vello lizgairo ía tecéndose sobre nós unha
capa de intranquilidade. Tiñamos claro que a conversa atinxía temas
sobre os que existía un veto de clase cinco. Arriscabámonos a
sufrir un apercibimento conxunto e o que era peor, podían
solicitarme un arquivo mensual de conversas internas para comprobar
que non existían reunións inadecuadas no meu local. Tal vez por iso
a parella da esquina marchou sen case despedirse. O home de barba
miraba para min e para a muller grávida coma se quixera saber se
podía falar libremente ou se debía ser cauto. Tamén eu decidín
gardar silencio e o vellote pareceu entender os sinais e volveu mirar
para o televisor.
Sorprendentemente,
foi a muller grávida a que comezou a falar. Dixo levaba anos vivindo
na Metrópole e que estaba moi preocupada polas revoltas que estaban
sucedéndose por todo o pais. Dentro de 53 días faríanlle
extracción do bebé e tiña medo que para entón a situación fose
máis perigosa. E sen embargo non podía evitar simpatizar de algunha
maneira coas protestas dos metropolitanos.
Eu
intentei calmala dicíndolle que en realidade eran protestas propias
da mocidade, que seguramente houbera desaxustes na planificación do
Comité de Posicionamento Individual e habería algúns mozos e mozas
que accederan a información para a que non estaban preparados. Ás
veces acontecía que alguén que levaba anos recibindo formación
para exercer as súas funcións nun Estaleiro Espacial comezaba a ter
acceso aos programas de formación para tripulacións e iso facía
que a mocidade se sentise insegura ou con ganas de experimentar
outras funcións. Afortunadamente, concluín, o Comité de
Posicionamento Individual ten Programas de Acomodamento de Formación
para corrixir estes casos de mozos que non teñen claro o seu camiño.
-Pois
eu non creo que se trate só de mozos que non teñen claro o seu
camiño- respondeu o home de barba- Acabo de chegar de cumprir as
miñas sete semanas de servizo comunitario no Estaleiro Espacial VGII
e alí tamén hai xente que pensa que é necesaria unha reforma do
sistema de normas. Unha das tripulantes do empurrador interplanetario
Barbanza IV contoume que nos dous asentamentos de Marte estaban
seguindo con moita atención todo o que acontecía aquí, que por alá
vían moi claro que as revoltas non eran soamente pola devandita
norma da orella, que esta revolta tiña que ter outros obxectivos que
polo de agora non interesaba sacar á luz.
-
Esa información non aparece nas noticias, non creo que debamos falar
sobre o que non ten garantía de veracidade- comentei para que dalgún
modo quedara constancia da miña posición nas gravacións. Xa estaba
resignado a que aquela conversa que iniciara o demo do vello acabaría
por tratar temas sobre os que existía un veto de clase cinco, e tal
vez incluso de clase catro. Foi o vello o que seguiu falando para
explicarnos que cando el era un cativo o seu pai, que por aquel entón
era un mozo como os que se estaban a manifestar nestas semanas,
participara activamente nas protestas contra a norma da orella.
-A
norma da orella era só un símbolo, algo que empregaban aqueles
homes e mulleres para mirar todos na mesma dirección e pedir
cambios. Parece claro que a ninguén podía molestarlle demasiado a
prohibición de tocar a orella dereita en público, pero era o
ridículo que parecía aquela norma o que permitía que máis xente
estivera disposta a protestar contra o irracional do sistema de
normas que estaba comezando.
Recordo
que o meu pai sempre dicía que iso era só o comezo, que se a
sociedade permitía que a Gran Reunión estabelecera normas tan
arbitrarias a convivencia sería unha mestura de desconfianza mutua e
autorregulamento constante. Viviremos máis pendentes dos posibles
apercibimentos que de desfrutar do tempo e da compaña.
E
tiñan razón.
Nos
últimos cen anos non fixemos máis que desenrolar a nosa tecnoloxía
dunha maneira vertixinosa, pero socialmente estamos case
incomunicados. Pensade na última vez que falastes persoalmente con
alguén. Incluso nos establecementos como este no que estamos é raro
ver a dous cidadáns falando entre eles. Estamos sempre atentos á
información que aparece na nosa retina virtual e moitas veces
estamos máis pendentes do que fan os nosos coñecidos que están
noutras metrópoles que do que está acontecendo ao noso lado. Agora
mesmo estamos falando das revoltas contra a norma da orella coma se
fose algo anecdótico e sen importancia. É o que queren que creamos,
pero en realidade estas revoltas, como todas as revoltas que
sistematicamente foron silenciadas nas últimas décadas, o que
pretenden é humanizarnos de novo. Do que se trata é de volver a ser
seres sociais que nos relacionamos directamente entre nós, e non a
través dunha tecnoloxía que parece deseñada exclusivamente para
nós cando en realidade non fai outra cousa que integrarnos nunha
inmensa base de datos na que todo o que facemos queda rexistrado.
Debo
confesar que aquel vello estaba convencéndonos, pero as súas
palabras supuñan xa unha clara vulneración do veto de clase catro e
decidín que era o momento de rematar con aquela conversa. Apaguei a
pantalla de información remota e pedinlles que se ían seguir con
esas lerias o fixeran fora do meu local. O vello dixo comprender os
meus temores, pero que non tiña de que me preocupar. Os tempos
estaban cambiando e despois destes días convulsos viría a época na
que poderíamos vivir e falar sen ter medo de conculcar algunha das
451 normas que agora rexían o día a día da metrópole.
En
canto á norma da orella, -seguiu falando sen importarlle o máis
mínimo o que viña de advertirlles- remontase aos tempos nos que
para pertencer aos corpos de saneamento das vellas cidades había que
facer unha probas de conduta e coñecementos. A cidadanía aínda
estaba obrigada a aprender cousas se querían saber, e coas probas
buscábase coñecer quen de entre todos eran os que máis sabían.
Tratábase de seleccionar aos candidatos baseándose no mérito e na
capacidade de cada un. Agora que van facéndonos a medida seguindo a
formación específica non son necesarias estas probas, pero naquel
tempo foi cando nunha destas probas descubriron, nos finais da Época
Moderna, a uns individuos que levaban na orella dereita uns pequenos
aparellos mediante os que recibían a información do exterior. Iso
era facer trampas, e ao pouco todo o mundo comezou a dubidar de todo
o mundo. Non era fácil saber se o que che estaban contando viña de
quen falaba ou era outra persoa a que lle ía dicindo o que tiña que
facer ou dicir. Foron anos de desconfianza mutua. A medida que estes
aparellos se facían máis sofisticados as elites económicas facían
desa tecnoloxía un elemento distintivo da súa posición social e
moitos que non podían pagalo comezaron a buscar alternativas máis
ou menos enxeñosas para aparentar que portaban un implante. Moitos
estaban máis pendentes en saber se o outro levaba ou non aparellos
na orella, e os gobernantes, vendo a importancia que comezaba a ter
para a cidadanía poder acceder a esta tecnoloxía, comezaron a tomar
medidas para universalizar a utilización deste tipo de aparellos.
Decidiron inserir un implante coclear a quen o quixera, e para evitar
posibles alteracións no funcionamento destes implantes, que ao
principio eran de moi baixa calidade, fixouse a primixenia norma 143
que estabelecía que todo aquel que levase un implante non podería
tocar a orella dereita. Anos despois, cando o implante foi universal
e obrigatorio a norma tamén cambiou o seu enunciado, afectando deste
modo a toda a poboación adulta. Para cando isto aconteceu xa estaba
socialmente mal visto calquera tocamento das orellas, fose a dereita
ou a esquerda.
Durante
un tempo ninguén dixo nada. Diríase que cada un de nós estaba
tirando as súas propias conclusións do que viña de contarnos o
vello aquel. Durante a súa parolada botáramos man á orella en máis
dunha vez, e o que antes nos parecía algo normal e habitual entre os
metropoletanos agora nos resultaba raro e cuestionábel.
Eu
sentía como se comezase a ver as cousas dunha maneira distinta, coma
se dalgún modo obtivera unha clave para entender o mundo doutra
maneira. Todo era igual, pero nada parecía o mesmo. Foi como unha
iluminación, un pequeno chispazo que fixo que nos mirásemos uns aos
outros para comprobar se aos tres nos pasara o mesmo. O home da barba
asentía como se viñese de comprender algo que até o de agora só
puidera intuír. Porén, foi novamente a muller grávida a primeira
en falar. A historia que viña de escoitar espertara nela recordos
que cría esquecidos para sempre e case estaba segura de que nalgún
lugar da súa casa aínda gardaba unha caixa chea de cousas do seu
avó Hilario. Non sabía explicalo, pero tiña a certeza de que entre
todas aquelas cousas habería algo que podería explicar o mutismo do
seu avó cando ela lle preguntaba sobre como era o mundo e as cidades
na Época Moderna. Recordaba que o vello Hilario lle tiña falado de
ordenadores e de Internet, e dos primeiros viaxes a Marte e dos
chamados Quince Anos da Revolución Cuántica, pero nunca quixo falar
demasiado da Era Biónica ou dos implantes.
Ao
saírmos da taberna comezaba a chover lixeiramente sobre as
plataformas de movemento en superficie. Ao estar no terceiro anel da
cidade non había cúpula e podiamos ver o ceo e de cando en vez
algunha estrela, pero tamén tiñamos que aturar que chovera por nós.
Os últimos transbordadores chegaban á metrópole deixando pequenas
estelas no ceo iluminado pola fluorescencia das proxeccións
informativas do traballo diario da Gran Asemblea Local. Despois dun
cómplice até mañá, marchamos cada un nunha dirección, sabendo
que probablemente seriamos obxecto dunha análise exhaustiva por
parte do Comité de vixilancia das normas. Dificilmente poderiamos
liberarnos de dar explicacións sobre as nosas opinións e sobre o
falado na miña taberna, pero confiabamos en que o ambiente de
algarada das últimas semanas tivera relaxado algo os controis
diarios e que ninguén lle prestase demasiada atención a unha
conversa entre descoñecidos sobre as revoltas contra a norma da
orella.