domingo, 13 de diciembre de 2015

As revoltas contra da norma da orella.



-Todos vos sodes demasiado novos, pero eu recordo os tempos nos que estabeleceron a norma da orella-
Naquel momento na taberna so había unha parella falando na mesa da esquina, unha muller grávida vendo ao seu fillo a través dun terminal de visión intrauterina e aquel vellote que estivera vendo as noticias en silencio.
As noticias, como na última semana, falaban das revoltas que ían sucedéndose en toda a Metrópole en contra da chamada norma da orella. Milleiros de cidadáns estaban nas rúas protestando polas absurdas normas que rexían a convivencia diaria na metrópole e nas estacións espaciais asociadas. Dende facía anos ninguén podía camiñar pola rúa sen recibir un apercibimento na súa terminal. Case todo eran quebrantamentos leves como atravesar unha estrada por lugares non permitidos ou non respectar as luces que indicaban o posicionamento peonil de tránsito.
Pero unha das normas de convivencia máis criticadas era aquela norma á que ninguén lle atopaba explicación algunha. A norma 143 estabelecía que ningún adulto podía tocar a súa propia orella en público.
-Escoito moitas parvadas sobre se a norma da orella ten que ver co dispositivo de ampliación sensorial que todos levamos no implante da orella dereita ou coas terminacións nerviosas que ao nacer empregan na proba da Avaliación psíquica para conectarnos co banco de recordos comúns.
Parvadas.
A norma da orella é moi anterior aos implantes auditivos ou á invención da memoria ampliada.
Todos vos- dixo o vellote mirando para nós- xa nacestes na época biónica. Agora vedes normal vivir con implantes e con toda esa tecnoloxía que vos van inserindo de acordo co Calendario Biónico de Implantes. Mais cando eu era neno isto non era así. Cando eu nacín ningunha crianza levaba un implante na orella dereita, aínda que xa se comercializaban dispositivos subcutáneos que permitían aos cidadáns liberarse do fastío de levar o comunicador na man ou nas chaquetas. Teléfonos móbeis, lles chamaban, e seguramente veriades algún no museo do da Época Moderna que montaron na Estación MIR como homenaxe a aquela época.
Debido á nosa formación específica ningún dos presentes podiamos facernos unha idea de cando fora aquela época. A min sorprendeume moito que aínda quedase alguén que vivise na Época Moderna, pero a muller grávida apagou o seu terminal de visión intrauterina e dixo que cando era cativa Hilario, o seu avó, contáballe historias sobre aqueles tempos e tiña gardados algúns aparellos que servían para conectarse con outras xentes. Contou que como era unha nena preguntona sempre quería saber máis e máis, pero que sempre chegaba un punto no que o seu avó calaba e exclamaba resignado que todo aquilo acabou cando aprobaron a norma da orella.
-A norma da orella foi a primeira do cento de normas que agora temos e coas que cada vez máis xente está en desacordo- volveu a falar o vello- Moita desa mocidade que agora está nas rúas reclamando un cambio pensa que está facendo algo novo, que é a primeira vez que os metropolitanos se rebelan por algo e rompen coas normas, pero eu estiven nas primeiras protestas que houbo contra a norma da orella, nos principios da Era Biónica.
-Logo non fai tanto tempo que comezou a Era Biónica?- preguntou un home de barba que acababa de entrar na taberna a tomar a súa barra enerxético-motivadora- Un dos meus tíos negouse a poñerlle aos seus fillos o implante coclear. Dicía que era algo artificial e que as persoas podían sobrevivir sen ningún dispositivo para estar conectado cos demais, que o mundo da Época Moderna funcionaba sen necesidade da Base Centralizada de Comunicacións. Eu sempre pensei que falaba de moito tempo atrás, pero se lle cadra el mesmo vivira esa época.
-A BCC xa existía antes, pero tiñamos que conectarnos a través deses aparellos dos que falaba a rapaza- dixo o vello mirando á muller grávida- o que pasaba antes era que cada quen podía escoller conectarse ou non. Agora non. Agora nada máis nacer implántanvos un dispositivo de ampliación sensorial na orella dereita. Din que é para que ningún bebé se perda, como se fose tan fácil perder unha cousa que non fai máis que chorar. En realidade trátase de introducir a cada individuo no sistema. A través dese implante esa criatura estará sempre conectada coa Base Centralizada de Comunicacións e se ben é certo que a medida que medre poderá acceder de maneira instantánea a toda a información que precise, non é menos certo que en realidade o acceso á información vaise modificando segundo a formación específica que o Comité de Posicionamento Individual da Gran Reunión determina anualmente para cada un de nós.
Con cada palabra daquel vello lizgairo ía tecéndose sobre nós unha capa de intranquilidade. Tiñamos claro que a conversa atinxía temas sobre os que existía un veto de clase cinco. Arriscabámonos a sufrir un apercibimento conxunto e o que era peor, podían solicitarme un arquivo mensual de conversas internas para comprobar que non existían reunións inadecuadas no meu local. Tal vez por iso a parella da esquina marchou sen case despedirse. O home de barba miraba para min e para a muller grávida coma se quixera saber se podía falar libremente ou se debía ser cauto. Tamén eu decidín gardar silencio e o vellote pareceu entender os sinais e volveu mirar para o televisor.
Sorprendentemente, foi a muller grávida a que comezou a falar. Dixo levaba anos vivindo na Metrópole e que estaba moi preocupada polas revoltas que estaban sucedéndose por todo o pais. Dentro de 53 días faríanlle extracción do bebé e tiña medo que para entón a situación fose máis perigosa. E sen embargo non podía evitar simpatizar de algunha maneira coas protestas dos metropolitanos.
Eu intentei calmala dicíndolle que en realidade eran protestas propias da mocidade, que seguramente houbera desaxustes na planificación do Comité de Posicionamento Individual e habería algúns mozos e mozas que accederan a información para a que non estaban preparados. Ás veces acontecía que alguén que levaba anos recibindo formación para exercer as súas funcións nun Estaleiro Espacial comezaba a ter acceso aos programas de formación para tripulacións e iso facía que a mocidade se sentise insegura ou con ganas de experimentar outras funcións. Afortunadamente, concluín, o Comité de Posicionamento Individual ten Programas de Acomodamento de Formación para corrixir estes casos de mozos que non teñen claro o seu camiño.
-Pois eu non creo que se trate só de mozos que non teñen claro o seu camiño- respondeu o home de barba- Acabo de chegar de cumprir as miñas sete semanas de servizo comunitario no Estaleiro Espacial VGII e alí tamén hai xente que pensa que é necesaria unha reforma do sistema de normas. Unha das tripulantes do empurrador interplanetario Barbanza IV contoume que nos dous asentamentos de Marte estaban seguindo con moita atención todo o que acontecía aquí, que por alá vían moi claro que as revoltas non eran soamente pola devandita norma da orella, que esta revolta tiña que ter outros obxectivos que polo de agora non interesaba sacar á luz.
- Esa información non aparece nas noticias, non creo que debamos falar sobre o que non ten garantía de veracidade- comentei para que dalgún modo quedara constancia da miña posición nas gravacións. Xa estaba resignado a que aquela conversa que iniciara o demo do vello acabaría por tratar temas sobre os que existía un veto de clase cinco, e tal vez incluso de clase catro. Foi o vello o que seguiu falando para explicarnos que cando el era un cativo o seu pai, que por aquel entón era un mozo como os que se estaban a manifestar nestas semanas, participara activamente nas protestas contra a norma da orella.
-A norma da orella era só un símbolo, algo que empregaban aqueles homes e mulleres para mirar todos na mesma dirección e pedir cambios. Parece claro que a ninguén podía molestarlle demasiado a prohibición de tocar a orella dereita en público, pero era o ridículo que parecía aquela norma o que permitía que máis xente estivera disposta a protestar contra o irracional do sistema de normas que estaba comezando.
Recordo que o meu pai sempre dicía que iso era só o comezo, que se a sociedade permitía que a Gran Reunión estabelecera normas tan arbitrarias a convivencia sería unha mestura de desconfianza mutua e autorregulamento constante. Viviremos máis pendentes dos posibles apercibimentos que de desfrutar do tempo e da compaña.
E tiñan razón.
Nos últimos cen anos non fixemos máis que desenrolar a nosa tecnoloxía dunha maneira vertixinosa, pero socialmente estamos case incomunicados. Pensade na última vez que falastes persoalmente con alguén. Incluso nos establecementos como este no que estamos é raro ver a dous cidadáns falando entre eles. Estamos sempre atentos á información que aparece na nosa retina virtual e moitas veces estamos máis pendentes do que fan os nosos coñecidos que están noutras metrópoles que do que está acontecendo ao noso lado. Agora mesmo estamos falando das revoltas contra a norma da orella coma se fose algo anecdótico e sen importancia. É o que queren que creamos, pero en realidade estas revoltas, como todas as revoltas que sistematicamente foron silenciadas nas últimas décadas, o que pretenden é humanizarnos de novo. Do que se trata é de volver a ser seres sociais que nos relacionamos directamente entre nós, e non a través dunha tecnoloxía que parece deseñada exclusivamente para nós cando en realidade non fai outra cousa que integrarnos nunha inmensa base de datos na que todo o que facemos queda rexistrado.
Debo confesar que aquel vello estaba convencéndonos, pero as súas palabras supuñan xa unha clara vulneración do veto de clase catro e decidín que era o momento de rematar con aquela conversa. Apaguei a pantalla de información remota e pedinlles que se ían seguir con esas lerias o fixeran fora do meu local. O vello dixo comprender os meus temores, pero que non tiña de que me preocupar. Os tempos estaban cambiando e despois destes días convulsos viría a época na que poderíamos vivir e falar sen ter medo de conculcar algunha das 451 normas que agora rexían o día a día da metrópole.
En canto á norma da orella, -seguiu falando sen importarlle o máis mínimo o que viña de advertirlles- remontase aos tempos nos que para pertencer aos corpos de saneamento das vellas cidades había que facer unha probas de conduta e coñecementos. A cidadanía aínda estaba obrigada a aprender cousas se querían saber, e coas probas buscábase coñecer quen de entre todos eran os que máis sabían. Tratábase de seleccionar aos candidatos baseándose no mérito e na capacidade de cada un. Agora que van facéndonos a medida seguindo a formación específica non son necesarias estas probas, pero naquel tempo foi cando nunha destas probas descubriron, nos finais da Época Moderna, a uns individuos que levaban na orella dereita uns pequenos aparellos mediante os que recibían a información do exterior. Iso era facer trampas, e ao pouco todo o mundo comezou a dubidar de todo o mundo. Non era fácil saber se o que che estaban contando viña de quen falaba ou era outra persoa a que lle ía dicindo o que tiña que facer ou dicir. Foron anos de desconfianza mutua. A medida que estes aparellos se facían máis sofisticados as elites económicas facían desa tecnoloxía un elemento distintivo da súa posición social e moitos que non podían pagalo comezaron a buscar alternativas máis ou menos enxeñosas para aparentar que portaban un implante. Moitos estaban máis pendentes en saber se o outro levaba ou non aparellos na orella, e os gobernantes, vendo a importancia que comezaba a ter para a cidadanía poder acceder a esta tecnoloxía, comezaron a tomar medidas para universalizar a utilización deste tipo de aparellos. Decidiron inserir un implante coclear a quen o quixera, e para evitar posibles alteracións no funcionamento destes implantes, que ao principio eran de moi baixa calidade, fixouse a primixenia norma 143 que estabelecía que todo aquel que levase un implante non podería tocar a orella dereita. Anos despois, cando o implante foi universal e obrigatorio a norma tamén cambiou o seu enunciado, afectando deste modo a toda a poboación adulta. Para cando isto aconteceu xa estaba socialmente mal visto calquera tocamento das orellas, fose a dereita ou a esquerda.
Durante un tempo ninguén dixo nada. Diríase que cada un de nós estaba tirando as súas propias conclusións do que viña de contarnos o vello aquel. Durante a súa parolada botáramos man á orella en máis dunha vez, e o que antes nos parecía algo normal e habitual entre os metropoletanos agora nos resultaba raro e cuestionábel.
Eu sentía como se comezase a ver as cousas dunha maneira distinta, coma se dalgún modo obtivera unha clave para entender o mundo doutra maneira. Todo era igual, pero nada parecía o mesmo. Foi como unha iluminación, un pequeno chispazo que fixo que nos mirásemos uns aos outros para comprobar se aos tres nos pasara o mesmo. O home da barba asentía como se viñese de comprender algo que até o de agora só puidera intuír. Porén, foi novamente a muller grávida a primeira en falar. A historia que viña de escoitar espertara nela recordos que cría esquecidos para sempre e case estaba segura de que nalgún lugar da súa casa aínda gardaba unha caixa chea de cousas do seu avó Hilario. Non sabía explicalo, pero tiña a certeza de que entre todas aquelas cousas habería algo que podería explicar o mutismo do seu avó cando ela lle preguntaba sobre como era o mundo e as cidades na Época Moderna. Recordaba que o vello Hilario lle tiña falado de ordenadores e de Internet, e dos primeiros viaxes a Marte e dos chamados Quince Anos da Revolución Cuántica, pero nunca quixo falar demasiado da Era Biónica ou dos implantes.
Ao saírmos da taberna comezaba a chover lixeiramente sobre as plataformas de movemento en superficie. Ao estar no terceiro anel da cidade non había cúpula e podiamos ver o ceo e de cando en vez algunha estrela, pero tamén tiñamos que aturar que chovera por nós. Os últimos transbordadores chegaban á metrópole deixando pequenas estelas no ceo iluminado pola fluorescencia das proxeccións informativas do traballo diario da Gran Asemblea Local. Despois dun cómplice até mañá, marchamos cada un nunha dirección, sabendo que probablemente seriamos obxecto dunha análise exhaustiva por parte do Comité de vixilancia das normas. Dificilmente poderiamos liberarnos de dar explicacións sobre as nosas opinións e sobre o falado na miña taberna, pero confiabamos en que o ambiente de algarada das últimas semanas tivera relaxado algo os controis diarios e que ninguén lle prestase demasiada atención a unha conversa entre descoñecidos sobre as revoltas contra a norma da orella.


No hay comentarios:

Publicar un comentario