jueves, 3 de diciembre de 2015

A man esquerda de Dona Carme.


O pobo enteiro estaba na praza.
A veciñanza toda quixera organizarlle un bo recibimento. Meses antes andaran recollendo cartos para facer unhas camisetas que agora lucía orgullosa unha boa parte da Comisión de Festas. Foron elas as que quixeron encargarse persoalmente de organizar unha pequena verbena para celebrar a volta de Pedro. A cativada da gardería fixéranlle un mural con cachos de algodón a modo de nubes e anaquiños de cartolina de cores e a pequena Inés, que ía por fin coñecer ao seu tío, tíñalle preparada unha pulseira coas cunchas que recollera na praia do Xestal.  
O tempo quixera unirse á celebración. Amañecera gris e antes das doce chegaran a caer unha pingas, pero ao final abrira o día e o sol lucía agradablemente naquela tarde de maio. Na pista polideportiva instalaran unha pequena carpa cunha barra na que servían refrescos, viño e patacas fritidas e un colchón inchable para os máis cativos, pero naquel momento todos estaban diante da praza, mirando atentamente o que acontecía no balcón da casa consistorial e agardando a que aparecese por fin Pedro.
A maioría dos veciños estaban falando alegremente sobre os temas máis diversos. Moitos eran os que discutían sobre as posibilidades reais de que a equipa de fútbol da vila ascendese á 3º rexional. Quedaban tres partidos para que rematase a liga e tiña moitas opcións de meterse nos postos de promoción, pero iso xa pasara moitas veces antes e nunca o conseguía. Recordaban algúns que o ano no que Pedro tivera que marchar estaban tamén en posicións de ascenso directo e que o equipo se viñera abaixo despois do acontecido no pobo.
Pero ninguén quería falar demasiado do acontecido. A historia era moi triste e todo o mundo sabía que unha familia quedara esnaquizada, pero como era un pobo pequeno pensouse que con botar unha capa de esquecemento sobre o acontecido sería suficiente. Ao fin e ao cabo todos cometemos erros. Aquela mañá Pedro volvía a casa despois dunha longa noite de troula. Non debera ter collido o coche despois de beber tanto, pero aos 19 anos fanse moitas parvadas, como repetía unha e outra vez o seu avó cando alguén lle preguntaba no bar. Tal vez recordaba as parvadas que el mesmo fixera con vinte anos, cando regresou ao pobo despois de gañar unha guerra e foi elixido polo Gobernador Civil para ocupar o posto de alcalde durante máis de trinta anos. Ao igual que agora, mostrábase comprensivo cos erros da súa xente e cruelmente intransixente coas faltas dos demais. E igual que antes, algúns lle seguían o conto ao vello ou asentían sen prestarlle moita atención e seguían xogando tranquilamente a partida aínda que tamén había quen afirmaba polo baixo que o pequeno dos Osorio sempre fora un cabeza tola e que regalarlle un coche a un tarambaina coma Pedro fora o peor que puidera facer o seu tío para celebrar o seu nomeamento como concelleiro de urbanismo do concello.
I é que a ninguén se lle escapaba que o feito de pertencer á familia máis rica da vila axudara moito a que todos foramos comprensivos co homicidio involuntario que cometera Pedro. Como sempre acontece, nun principio houbo palabras moi grosas contra Pedro e non faltou quen recordara que xa era o terceiro coche que esmendrellaba por conducir bébedo. Pero a maioría dos veciños afanábase por darlle ánimos e consolo á familia de Braulio. Nunca tantas flores se viron no camposanto, nin tanta xente dando mostras de dor a aquela familia que tan mala sorte tivera. Mais a medida que as mostras de afecto coa familia do finado ían facéndose máis discretas a responsabilidade de Pedro no acontecido pareceu tamén diminuír e ao final no mercado falábase máis do mal que o estaba pasando dona Fina co seu fillo na cadea de Teixeiro que da ausencia de Braulio.
Ao fin e ao cabo Braulio non facía moita vida no pobo, dicían as beatas despois da misa na que o cura nos recordaba a todos a dura proba á que estaba sendo sometido un dos nosos veciños, esquecéndose totalmente de pedir pola alma de Braulio. Ninguén dubidaba que o fillo maior de dona Carme fora un excelente rapaz, pero aos 14 anos marchara estudar a Santiago e cando viña de visita non participaba moito na vida social do pobo. Fixera novas amizades con intereses comúns que pouco tiñan que ver coas festas patronais do pobo ou coas celebracións tradicionais que tanto gustaban aos veciños. Había quen dicía que vivía cunha moza que coñecera ao comezar a carreira de medicina e que tiñan pensado vir pasar uns días na casa da nai cando o accidente. 
Pois todo o mundo falou de accidente dende o principio. Braulio morrera nun accidente e co paso dos meses xa parecía que Braulio tamén ía no BMW que conducía Pedro borracho e drogado. E aos dous anos, cando os da televisión viñeron gravar un programa  sobre as repercusións dos accidentes de tráfico nas familias das vítimas xa ninguén recordaba que Braulio estaba facendo deporte pola Alameda do pobo cando o coche de Pedro bateu contra as escaleiras do Concello, atravesou o xardín e foi espetarse contra unha árbore con tan mala sorte que levou por diante a Braulio.
E agora o pobo enteiro estaba naquela praza.
Organizárase un pequeno acto para que Pedro sentise o apoio de todos despois de pasar cinco anos e tres meses na cadea. A resposta da veciñanza sorprendera gratamente aos organizadores. Non contaban que a gran parte das familias estivesen alí aquel día. Axudaba, sen dúbida, a mala conciencia que moitos tiñan xa que foran poucos os que visitaran a Pedro na cadea. Nin sequera dona Fina fora quen de ir visitalo de tanta peniña que sentía, saloucaba cada vez que na perruquería algunha veciña lle preguntaba polo seu fillo.
Estaba previsto que falasen o seu tío, agora alcalde do concello e o cura, e todos dabamos por suposto que Pedro diría unha palabras.
Como o que máis traballara para facilitar o retorno de Pedro fora Don Luís, o cura, a ninguén lle sorprendeu que a nai de Braulio, que non se perdía nunca a misa dos domingos, asistise aos actos de benvida. Dona Carme fora a que máis rápido superara a dor pola morte do seu fillo maior. Unha semana despois do enterro, no que como agora o pobo enteiro ateigara o camposanto, ela xa estaba na canizaría atendendo ás clientas de toda a vida. Certo é que ninguén comentaba nada sobre o asunto, pero falouse durante moito tempo do ben que aguantara o tipo cando a muller do alcalde apareceu polo seu establecemento para darlle o pésame polo acontecido. Uns meses despois, tomando unhas cervexas na de Ramón, alguén contou que a señora Carme aínda foi quen de preguntarlle cómo lle ía a Pedro en Teixeiro, se se adaptaba ben e se faltaba moito para que lle deixasen vir á casa de permiso.
Por iso a ninguén lle sorprendeu que estivera presente na pequena recepción que organizara a comisión de festas do pobo co gallo do regreso de Pedro. Pero cando Don Luís a invitou a subir ao balcón do Concello moitos fomos os que pensamos que non faría tal.
Máis subiu.
E ante un pobo orgulloso de levar as cousas con auténtico espírito cristiá dona Carme escoitou atentamente as palabras do alcalde falando da grandeza da veciñanza ao querer acoller con tanto cariño e entusiasmo ao fillo da súa irmá despois dunha dura proba que a vida lle puxera diante. Sentíase orgulloso de ser o alcalde dunha comunidade capaz de esquecer as diferenzas para traballar xuntos para dar unha mostra do que é unha sociedade madura e civilizada. Tamén o cura fixo fincapé na unidade do pobo e recordou que o perdón e a comprensión ante os erros dos demais é o que diferenza ao verdadeiro pobo de Deus. Quixo agradecer a todos a súa presenza a este acto que sen dúbida serviría para pechar calquera xenreira que puidera existir despois da difícil proba á que deus nos sometera como pobo. Cun xesto paternal que tantas veces lle tiñamos visto a Don Luís cando reprendía á mocidade, pasoulle un brazo polo lombo a Pedro mentres que coa man dereita invitaba a dona Carme a achegarse ao mozo.
A muller dubidou un pouco, pero tirando do seu bolso un pano branco foise achegando ao balaústre do balcón. O pobo emocionado comezou a aplaudir o xesto de dona Carme , chegando a escoitarse algún berro de ánimo dalgún veciño, pero cando ela ergueu a man esquerda comezou a facerse un silencio expectante. O pobo enteiro tiña curiosidade por saber que quería dicirlles aquela muller que agora mesmo estaba fronte ao que matara ao seu fillo e que parecía a viva imaxe do perdón e da caridade cristiá.

Mais cando dixo aquilo de “Veciños, dentro de seis anos agardo que me fagades tamén a min un recibimento como este” poucos entenderon o que quería dicir, e menos aínda comprenderon o que facía cando cun golpe certeiro afundía un coitelo de despezar porcos xustamente entre a costela terceira e cuarta de Pedro. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario