martes, 21 de octubre de 2014

O paseo das landras.

Hoxe, ao saír da escola, L quería recoller  landras no patio. Era xa algo tarde, e como os venres pechan a escola ás catro díxenlle que ao chegar a casa iriamos dar un longo paseo na procura das landras. Iso si, antes tivo que me explicar que era iso das landras!!




Comezamos a nosa expedición cara ao descoñecido mundo das landras saudando ao novo burro que temos de veciño. Respondeu amablemente ao noso saúdo movendo ás orellas, aínda que nesta fotografía non se vexa. Parecía tranquilo e feliz, gozando da liberdade de movementos da que carece o seu compañeiro de pastos.






Ao ladiño había un coaching de cabalos que como Robert Redfort estaba obrigando a dar voltas e máis voltas a un cabaliño que parecía canso. 

Non parecía moi feliz sendo o centro de atención do home. Seguramente preferiría estar como o burro, á súa bola, pero alí estaba. Un lindo cabalo negro dando voltas arredor dun home.







Deixamos de pensar nas vidas tan diferentes que levan cabalos e burros e comezamos a internanos polo camiño no que o sol colorea as árbores e os comaros.

Era un camiño como de fotografía, algo semellante ao que algúns poñen no escritorio do seu ordenador. Algo lindo de ver...





E de súpeto, un cerrado!!! Recordei as palabras do meu amigo Xosé Manuel falando daquela colección de fotografías á que ía chamarlle "Yo para ser feliz quiero un somier".

Como explicalo? Como contarlle ao mundo que aquí somos así, que en pleno Camiño de Santiago a alguén lle deu por chantar dous somieres facendo de cancela?






A tardiña ía caendo e unha egua e o seu poldro ían de regreso á corte.
 O poldro feliz despois dun día no campo, a súa mama máis tranquila e pensando no contiño que tería que inventar esa noite para que o cativo durmise.






- Mira papa, os carballos chegan ao ceo!!
Ou o ceo deixase caer mainamente sobre os carballos para que as follas lle fagan cóxegas na barrigola.

O ceo ten estas cousas, ás veces cambia de cor e fai chover e outras veces convértese en névoa para acariñarnos.






E de súpeto aparecen!

Imos descubrindo as primeiras pegadas das landras!!

Afastados do camiño buscamos debaixo das follas e das herbas, apartamos tamén algún croio e unha ponla medio podre que estaba chea de formigas.







Pero semella que algúen se nos adianta!!

Os esquíos están traballando no outono para ter a súa despensa chea durante o inverno. E o que van desixando son os sombreiros das landras...

Teremos que seguir buscando...







Aquí están!!
Landras saniñas e de distintas cores.
Landras que parecen vir do espacio exterior ou de Marte.
Landras que nos fan pensar en novos contos de esquíos faladores e porquiños lambóns.








Landras para dar e tomar...
Pensamos en poñerlles nomes, en levalas para casa xuntiñas, con follas e con sombreiros.
Queremos facer cousas novas coas landras, metelas nun xarrón ou pintalas de cores, poñerlles ollos e bigote e chamarlles con outros nomes...




A gran landra!!

Tan feituca e tan gordecha.
É un carballo en potencia, que diría Aristóteles, e como tal decidimos botala no medio do monte e se lle cadra dentro de vinte anos sexa unha fermosa árbore en plena adolescencia.







Regresamos de volta camiño arriba, que entre unha cousa e outra cousa case chegamos a Camiño Real de Piñeiro, máis aló do Monte dos Toxos.

Imos pensando en novos paseos, en novos contos e en todo o que podemos atopar cando subamos aos montes.







Paramonos a escoitar a tertulia dos carballos que comentan as novidades do día, os peregrins que pasaron cara a Compostela, os cabalos que baixarons, os paseantes coma nós que ían buscando landras, ou máis ben castañas e cogumelos.







Unha última sorpresa!!

 Unha boa cabaza para o Samain que se achega.
Un pedazo cabazo, millo que quedou sen recoller  e as navizas noviñas que xa se deixan querer. 

Cousas lindas que trae o outono, cousas que nos gusta ver e que tamén nos gusta comer.







E o sol vai marchando e nos anuncia que vai sendo hora de recollérmonos nós tamén.

O paseo foi divertido, descubrimos algunhas cousas novas e inventamos novas cancións e tiramos algunhas conclusións que para os adultos non son acertadas, pero que para o noso neno e á nosa nena serán o alimento dos seus soños.







2 comentarios:

  1. Olá, Ramón! Que bo saber de vós e vervos a través desta xaneliña... Bicos!.
    Sara

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Moitísimas grazas por mirar pola xaneliña, por entrar e por deixar unha notiña. Volve cando queiras e se estamos na casa tomaremos un café.
      bicos bicos.

      Eliminar