Non
recorda dende cando é así. Nos seus primeiros recordos de infancia
vese a si mesmo como un neno normal. Xoga, manchase, racha os
pantalóns e esquece ás veces meter os libros na mochila, apagar a
luz da habitación ao saír ou lavar os dentes antes de deitarse. O
esperable dun cativo de nove, dez doce anos.
Pero
nalgún momento da adolescencia a vida foi tornándose máis
complicada. Nos primeiros anos do BUP necesita ter a mochila
preparada a noite antes; antes de saír da casa ten que asegurarse de
que leva os bolígrafos e os cadernos, os libros colocados ao mesmo
xeito, os cordóns das zapatillas deportivas con dúas lazadas. No
COU a situación comeza a ser preocupante para a súa familia, aínda
que non lle dan demasiada importancia. Os nervios pola selectividade,
pensan.
A
universidade móstralle claramente que é unha persoa altamente
obsesiva. Case todo o que fai ten que facelo dúas veces, asegúrase
de ter apagado o lector de CD's, de ter collido o bono do autobús,
lava a mazá de media mañá dúas veces, limpa os zapatos dúas
veces, sae da ducha e volve menterse por se lle quedaron as axilas
sen lavar. Nas súas primeiras relacións sexuais insiste en poñer
dous preservativos, e no traballo de fin de carreira remata facendo
dúas versións distintas.
O
día da súa voda o convite comezou case dúas horas máis tarde do
previsto e o fotógrafo perdeu a paciencia varias veces. Cada
fotografía ten que ser revisada e repetida varias veces, e de cada
vez ten que facer un repaso completo á súa roupa, aos zapatos, ao
ramo da noiva. E como non podía ser doutra maneira casou dúas
veces, tivo dous fillos con cada muller e con cada unha houbo unha
segunda oportunidade.
Na
súa empresa é considerado un home meticuloso e moi traballador,
pero ninguén quere compartir proxectos con el pois iso supón
rematar un día si e outro tamén facendo horas extra. Nas cenas de
traballo revisa coidadosamente os pratos e os cubertos antes de
comer, e limpa as copas con dous panos antes de que lle sirvan o
viño.
Por
fin, e como non podía doutro modo, mesmo despois de xubilarse pediu
o reingreso, sendo un dos poucos traballadores que se xubilaron dúas
veces. Non podemos saber se foi intencionado, ou foi a mesma morte a
que quixo cumprirlle o gusto, pero milagrosamente recuperouse dun
infarto no que xa o daban por morto para morrer, dous anos despois,
ao caer dun segundo piso cando intentaba limpar a ventá de dobre
cristal da súa segunda vivenda.