martes, 7 de agosto de 2018

O día da Patroa






Xa te vexo, xa, mirándome de esguello e farfallando coas lerchas do coro. Estaraslles contando o mesmo que contabas onte, pero se pensas que as túas barballadas de onte na perruquería van botarme para atrás aviada vas. Xa puxen no seu sitio á miñaxoia da túa irmá e non me vai custar nada poñerte a tí no teu lugar, por moi filla do médico que sexas. Xa sei que me miraches do través cando dixen que este ano pensaba ser eu a que levase á Virxe dos Puños Brancos en procesión, que por moito que digades se o meu home leva ao San Brandán eu podo levar á nosa virxe, lle pese a quen lle pese neste pobo. Xa sei que non vos gustou nada nin a ti nin ás paspanas do coro, pero ben sabedes que son capaz de facelo. Só tes que mirar como vas toda desafalazada polo adro adiante para chegar antes ca min á igrexa, pero non vai valerche de nada que xa lle dixen a Milagritos que esta vez collería eu as angarellas da Santa e que nin se lle ocorrese saírme coa parvada esa de que a San Brandán o pasean os de Osorio e os Mosquera e os de Ramona do Crego e que á Santa sempre a sacan as mulleres desas familias. Mira Milagritos, lle dixen, e tí ben o sabes que estabas escoitando detrás do andel das conservas, a min non me veñas con esas trapalladas, que levo xa doce anos casada no pobo e se o meu home é dos que pasean ao Santo eu paseo á Santa no día do patrón. Podes mirarme todo canto queiras e podes correr polos sete correres que non vas impedir que colla á santa e saia en procesión. Que xa estás escaldada, que o mesmo che pasou fai tres días coas flores da Igrexa. Tanto repetirme que sempre se fixo así, que son as de Osorio as que se encargan de adornar á igrexa. Pero se as de Osorio xa non viven no pobo, veñen da capital todas requintadas para as festas e non van poñerse a decorar a igrexa. As que mangoneades todo o da igrexa sodes as de sempre, que mira que sodes trosmas. E vaia cara tiñades as catro cando chegastes e me vistes a min e a miña nai rematando de poñer as guirnaldas por detrás da sancristía, e aínda por riba Don Luís agarrando da escaleira e preguntando que qué che parecía, que nunca tan ben quedara. Había que ver qué cariñas puxestes, e a miñaxoia de Milagritos aínda dixo que as cousas non se facían así, que se quería axudarvos a adornar ben podía térvolo pedido. Como se non volo tivera pedido o ano pasado e o ano anterior, cando viñeron as miñas curmás de Venezuela a pasar as festas e quería terlles a igrexa chea desas flores que hai polas Américas e que tanto locen nas misas. Cóntalle ao alcalde, cóntalle. Esta vez non vas facer coma no meu casorio, cando lle dixeches á miña nai e miña cuñada Remedios que xa adornariades vos a Igrexa, e a malpocada de Obdulia, que dios lle dea tanta paz como descanso deixou, aínda lles espetara aquilo de que no voso pobo é a familia de Osorio a que sempre adorna Igrexa, que por algo son os que máis dan sempre para os arranxos e que sempre están dispostos a ceder o campo da Lobeira para facer o churrasco nas festas. E eu xa ía falar co cura pero Xulián dixo que deixara estar as cousas, que era o costume do pobo pero hoxe non che van valer costumes nin farrapos de gaitas, que levo vivindo xa doce anos neste pobo e teño o mesmo dereito que vos a levar á Santa en procesión. En canto remate a misa agárrome ao barrote das andas e xa podedes piar o que queirades. Xa te vexo, xa. Agora falando con Ismael para que vaia falar co meu home. Pero non perdas coidado, que a Xulián xa levo dicíndolle o mesmo dende a Semana Santa e desta vez non vou ser eu a que ceda. E por moito que Ismael sexa o campaneiro dende fai corenta anos non vai ser quen de baixarme da burra, non vaia ser que me dea por subirme ao campanario e me poña a repicar eu tamén, que tan difícil non ha de ser cando un vello de oitenta anos aínda pode facelo. Que me miras pailaroco, vaste atrever a vir falar comigo? Vente vente, que teño para tí tamén. Es peor que as mulleres, sempre metido nas cousas da igrexa, rosmando polo baixo cando pasas o cepillo ou saíndo a berrarlles ao amigos do noivo na voda de Mariló. Que mira que hai que ser atravesado, saír e ameazalos con chamar á garda civil se non deixaban de armar barullo. A ver se pensas que vai vir a garda civil agora a poñer orde na igrexa. Iso era antes, Ismael, cando mandabas ti máis que o cura e tiñas ao teu primo de sarxento no cuartel e todos che debían algún favor. Pero ao teu primo mandárono para a cidade e agora non tes quen te rasque, que como non che dan as pernas para subir pola escaleira do campanario tes que quedar embaixo, sempre atento ás conversas dos demáis na porta da igrexa e bebendo de moca na taberna, que na igrexa andas ben rápido para raspiñar os billetes do cepillo pero na taberna nunca das sacado a carteira para invitar aos homes a unha rolda. E ti ben podías ir rematando a misa, que por moito que nos pidas que nos demos a paz algunhas van seguir sendo unhas auténticas porcas. Pero claro, estarás entretido mirándolle as pernas a Rosarito, non é Don Luís, que outra cousa non pero as mulleres ben que che gustan e a Rosarito xa lle tes dado a paz e a comuñón máis dunha vez. Comulga comulga, que co ben que tratas a Don Luís xa tes gañado o ceo, que a ver onde se viu que faga falta vir limpar a igrexa dúas veces a semana, pero aquí si que non se menten as de Osorio nin as de Ramona, que xa saben que o fas encantada e se o cura está contento pois aquí paz e despois gloria. Non miña sogra, non. Non me veña cun cirio que non llo vou coller. Non se apure que vai ser igual. E por moito que acene non vou achegarme onda vostede para que me poña na man un cirio ou un ramo e que non poida coller as andas. Xa a vin a vostede e ao meu sogro falando con Ismael, imaxino que a voltas co meu carácter e a miña falta de sensibilidade para as cousas do pobo. Será trosma, toda a vida aturando ao apoucado do seu home. E non digo que sexa mala persoa o meu sogro, pero algo miñaxoia si que é. So hai que velo cando chega de xogar a partida convencido de que todo o que lle contan é certo. Onte mesmo non houbo quen o baixara da burra, que si o maior dos Osorio mandaba moito na Consellería, que vía ao Presidente todos os días. Pois claro que o ve, meu sogro, que se traballa alí verao pasar de cando en vez, pero que Marquiños non deixa de ser un administrativo, movendo papeis como a miña curmá Fernanda, pero el que non, que o dos Osorio ten un cargo e que almorza a cotío co Presidente. E hai que deixalo. Veña, arreando, que fan falta as camas! Non me mire así señor cura, que tamén eu son devota da Nosa Señora dos Puños Brancos.E logo, non? Se mesmo parece que fai rindo a nosa vixenciña. Os que non rides sodes vos, que pensábades que non me ía atrever. Pois aquí me tedes, unha venidera, como tanto vos gusta dicir, levando á virxe de procesión no día da patroa.






No hay comentarios:

Publicar un comentario