Outro
marzo que remata, e xa van cinco, dende que marchaches sen dicir adeus. Houbo
choivas e temporais; houbo días azuis, viaxes e flores; houbo vida rebentando
ao nacer, e bágoas, e sorrisos; houbo, en definitiva, o lento transcorrer das
xornadas.
Outra primavera que chega, outro inverno que marchou deixando
sementes de esperanza e traballo por facer. Van medrando os días e van medrando
as ganas de conquistar o noso pan, de elevarnos sobre a fortuna que nos tocou
no reparto de vidas e fortalecer os nosos ombreiros para que as nosas crianzas
poidan ver alén do mar, máis alá das estrelas.
Sempre foi así, e ti ben o sabes. Sempre quixeron as humanas
xentes buscar un futuro mellor para os seus, deixar un terreo e catro pesetas
no peto polo que puidera acontecer. E darlles estudos, mesmo vender un monte
para axudar a pagarlles a universidade.
E nestas andamos, Tía, criando o mellor que sabemos e dando un
pouco máis do que podemos. Seguramente gostarías moito de velos xogar pola
horta adiante, escoitar os razoamentos do cativo e asombrarte co temperamento
rabudo da cativa. E eles estarían encantados ao verte untar o pan cunha culler
para enchelo ben de nocilla. Quen sabe, se lle cadra algo de tí habita no seu
interior, na carga xenética que vai facendo medrar os seus corpos e no elán
vital que fai conformando o seu ser, esa realidade que aínda non podemos
explicar pero na que centos de xeracións quixeron crer.
E nestes días nos que Sada aparece anegada penso nas nosas
conversas no Venezuela ou no Rincón de Burgos, a túa estrañeza polos novos
edificios que Monchito, o mozo dos recados da farmacia, estaba facendo nesas
Brañas nas que sempre houbo auga. Sempre busca o seu sitio o auga, do mesmo
modo que a primavera sempre trae a súa luz e a súa forza. Todo é cíclico, todo
se repite e por iso, nestes días nos que intento desfacerme de tantas cousas,
penso que dalgún modo estamos a compartir os mesmos soles e as mesmas choivas.
Xa non queda nada e sen embargo hai días nos que sinto que o tempo
que pasamos xuntos existe nalgún lugar, que o amor e as palabras e o
entendemento que tanto nos achegou non morreron. Eu, sempre tan obsesionado polo aproveitamento
do tempo comezo a ter a certeza de que o único que vai quedando son os momentos
nos que realmente nos sentimos unidos a alguén. Non importa o que fagamos, non
importan as metas que academos ou os triunfos que consigamos. O que realmente
nos elevará sobre a simple existencia son os instantes de verdadeira
compañía do outro, esa sensación de proximidade e quentura que nos fai sentir plenamente
instalados no presente.
Quero pensar
que cando marchaches levabas os petos cheos deses momentos, e igual que
pasabamos as tardes comendo cereixas agora pasaras as eternidades rememorando
aqueles retrincos de tempo nos que tan ben estivemos.
Bicos, e
até outro día.
Me ha gustado mucho, no se si por la Nocilla (confieso que es una de mis adicciones) o por "Xa non queda nada e sen embargo hai días nos que sinto que o tempo que pasamos xuntos existe nalgún lugar, que o amor e as palabrase o entendemento que tanto nos achegou non morreron"
ResponderEliminarPor la nocilla, sin duda!! Nada mejor que compartir un bocata de nocilla para que en nuestra memoria "espiritual" queden marcas a las que regresar cuando sentimos hambre de humanidad.
EliminarMuchas gracias por pasarte y por comentar.