Ya que estás aquí...
No dudes en preguntar, si tienes dudas, y en regresar siempre que quieras .
Bienvenido a Mar de Beaufort.
Bienvenido a Mar de Beaufort.
jueves, 7 de marzo de 2013
Imaxínote feliz.
Quixera contarche tantas cousas. Falarche do espelido que está o cativo mentres damos un pe de leria comentando a moita auga que está a caer neste inverno que vai rematando. Quixera que vises como se lle vai ennegrecendo o cabelo e como coñece todas as letras menos o ka, aínda que a tí o que máis che gustaría sería velo comer nas fresas con azucre e nas filloas. Imaxínote sorrindo de satisfacción ao velo sentado na mesa papando os fresóns máis grandes que atopaches na praza, e insistindo para que lle fagamos un bocadillo ou lle deamos un anaco queixo con marmelo.
Imaxínote feliz.
Pasaron meses e todo foi facéndose un pouco máis vello. Vou acumulando as conversas que non temos, ilusións que me gustaría compartir contigo, e tal vez por iso veñen á miña memorias frases soltas, pequenas pegadas doutras charlas nas que non sempre entendín todo o que me querías contar. Son os retrincos que quedan no recordo, as probas de que houbo compaña entre nós, de que houbo complicidade e de que dalgún modo, mentres poida escoitar a túa voz, tí existirás.
Imaxínote feliz sabendo que nós estamos ben, que imos organizando a nosa vida e que a primavera que se achega virá chea de alegría e de esperanza. Imaxínote rindo e cantando aquel "ven ven ven ven, cariño mío", asubiando aquela melodía mentres camiñabas con pasiños cortos dun lado para outro da cociña e o sol se filtraba por entre as grandes follas da figueira. Si, imaxínote feliz aínda que ás veces, dous anos despois, unha bágoa queda pendurada sobre as lembranzas e non podo evitar sentirme triste por aqueles tempos que marcharon, pero sobre todo por estes tempos que tí non puideches disfrutar.
E máis nada por hoxe. Deixarei que a bágoa esvare por aqueles días e que o sol que nos iluminou vaia aloumiñando as ausencias. Deixareime estar triste cando queira estar triste, pero os días felices que están por vir vivireinos con intensidade e con xenerosidade para impedir que o esquecemento apague a alegría que tí poderías ter disfrutado ao noso lado.
Bicos, e ata outro día.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
Se tí imaxinas que está feliz, é porque o está.
ResponderEliminarO importante é recordar as persoas importantes...
Moitas grazas amigo. Recordar é unha forma de sentirnos acompañados polos que xa non están.
ResponderEliminar