jueves, 29 de julio de 2021

48

 


 Hai unha idade na que comezamos a pensar na sorte que temos de poder celebrar o noso aniversario en lugar do noso cabodano. Os anos van chegando e ás veces, demasiadas veces, teño a sensación que van poñéndose en ringleira, agardando a que abran as portas para acceder ao espectáculo que é a vida. Teño 48 anos e aínda estou agardando algo, a pesar de ter unha existencia plena: familia, saúde e traballo.

Cheguei a esa idade na que tantas cousas aconteceron fai xa 30 anos. Ir mercar palmeiras de chocolate e comelas dando un paseo, os domingos de bicicleta que remataron sendo de conversa, meternos cinco nun Seat Fura para ir as discotecas doutras vilas, ver os partidos de canal plus para sentirnos en campaña, sacar a camiseta nos concertos, ir de acampada, facer festas na praia... en defintiva, ter tempo para as amizades.

Teño 48 anos, e ás veces sinto que nunca din disfrutado do momento, sempre pensando no que estaba por vir, traballando por un futuro mellor, sacrificando horas de sono e de compaña para asegurarme o pan e catro pesetas no peto. E agora que comezou o camiño de volta é inevitable botarlle unha ollada aos lugares nos que estivemos, aos tempos vividos, ainda que non sempre foran os máis felices.

Tal vez todo sexa cuestión de ritmos, de épocas nas que sintonizamos con outras persoas coas que camiñamos xuntos durante unha parte da viaxe. Despois imos tomando desvios e atallos según os intereses, as necesidades ou mesmo os azares de cada un. Certo é que cada pouco van aparecendo lindas persoas coas que camiñar e dar un pe de leria. Pero non podo evitar sentir certa nostalxia dos tempos e das amizades que foron quedando atrás, seguir pensando nas oportunidades perdidas ou nas conversas que quedaron a medias.

Un foguete solitario resoa no campo da festa. Estamos na media comida do día da Patroa. Atrás quedou o pasarúas, a misa solemne coa procesión da Virxe e a sesión vermut amenizada por un Dúo Musical , pero aínda queda o partido de solteiros contra casados, os xogos populares e a sardiñada. E para rematar, gran verbena a cargo dunha espectacular orquestra e se o tempo o permite, remataremos este gran día de festa que é a vida cunha sesión de fogos de artificio.