Braulio
Mackenzie tiña un gran problema coa súa vida íntima. Agora que o
seu grupo triunfara mundialmente co seu último disco “Pasando
de castañas e pandeireteiras”, os
xornalistas e os fans queríano saber todo sobre as súas vidas.
Sempre fora un tipo normal, o máis natural do grupo. Nada que ver co
Richard, sempre provocador e exhibicionista e sen reparos á hora de
contar ou inventar todas as súas intimidades. Ou mesmo co insulso
Ramón, o guitarrista, que o máis atrevido que fai nos concertos é
berrarlle ao público arriba arriba arriba.
Non.
El era o tipo no que todos se recoñecen, un rapaz normal, coa súa
moza de toda a vida, coas súas ganas de pasalo ben pero sen ningún
afán de protagonismo. El púñase detrás da batería e veña
música. Se había que saudar saudaba, e se tiña que adoptar unha
pose de tipo duro pois puña ás gafas de sol e cara de malo e veña,
que ao fin e ao cabo eran o grupo heavy de moda e había que manter
certa estética rompedora e malhumorada, que de todos é sabido que
os heavyes son rapaces malos falando de cousas lindas.
Pero
Braulio Mackenzie tiña un vicio oculto que moi poucos coñecían.
Non facía dano a ninguén, non atentaba contra a dignidade de persoa
algunha e tampouco supuña un dano para a súa saúde ou para a dos
demais, pero sabía que de chegar a coñecerse, a súa carreira como
rockeiro tería rematado. Nalgunha ocasión, estando de xira co
grupo, o Richard xa lle tiña avisado que aquilo non era normal, que
esa teima súa ía traerlles problemas, que calquera podía tirar un
fotografía e que comprometería a imaxe do grupo.
Pero
Braulio non podía remedialo, era un impulso superior a el. En canto
entraba na habitación do hotel ou mesmo no camerino comezaba a
pensar en facelo, e ao pouco xa estaba cambiándose de roupa e
dándolle ao tema. Nalgunha ocasión chegou a botar fora ao servizo
de habitacións berrando “Deixádeme só, deixádeme só
que podo facelo eu todo!!”
E
agora, con todo o rebumbio provocado polo novo disco a cousa estaba
complicándose de máis. A súa moza xa lle advertira que non podían
seguir así, que non podían ausentarse nas entrevistas ou nas roldas
de prensa para encerrarse nos cuartos de baño. Que na casa estaba
ben, non molestaban a ninguén, pero nos lugares públicos era moi
arriscado, sobre todo tendo en conta que os xornalistas andaban
detrás deles todo o tempo. Por iso estaba visitando a un famoso
psicólogo da conduta que lle explicou que era unha unha protección
da súa mente para non ter que recordar algún episodio traumático
na súa infancia e lle marcara unha terapia que consistía en asubiar
un tema de Manolo Escobar cada vez que sufrise un ataque obsesivo.
Todo
era inútil. Braulio Mackenzie non era quen de controlarse. Era ver
un inodoro e sentir unha irrefreábel necesidade de limpar. E non so
era iso, senón que tiña que vestirse como Freddy Mercury no famoso
vídeo de “I want to break free”. E dáballe igual que fose na súa
casa, na casa dalgunha amizade ou nos baños de calquera hotel. A
Braulio gustáballe limpar os baños, pasarlle unha baeta aos
azulexos e deixar o chan como unha patena.
Carai, bouno a traer á miña casa.
ResponderEliminarAproveita aproveita, que agora andan de xira!!
EliminarUn saúdo.