jueves, 2 de noviembre de 2017

As pegadas da vida.



O Basilio era un bo home. Ninguén lle vira nunca un mal xesto nin lle escoitara unha mala palabra. O Basilio era unha boa persoa, humilde e traballador, e pouco amigo de meterse na vida da outra xente. Contan que mesmo algunha vez tiña marchado do bar cando alguén latricaba de máis sobre algún veciño. E algo de certo debe haber cando nin buscando podemos atopar a alguén que lle poña algunha péga. O Basilio era un bo home, sen máis. Do mesmo xeito que outros son guapos ou calvos, o que definía ao Basilio era o feito de ser bo. Non se trataba de que nalgunha ocasión fixese unha boa obra que todo o mundo recordaba. Nunca tiña salvado a ninguén nin se comportara coma un heroe nun incendio. Non, a bondade de Basilio era un xeito de ser e de comportarse acotío, un non prexudicar a ninguén e favorecer a moitos con pequenas cousas das que non se fala pero que están aí, facendo a vida do pobo máis agradábel.
Moitos son os que recordan a Basilio paseando pola alameda, ás veces so e outras veces coa súa muller, e como facendo honor á súa fama de boa persoa fora dos primeiros homes da súa quinta en ir á compra ou mesmo fregar os pratos. Poucos sabían que sentía certo degoiro por non atreverse a saír á pequena horta que tiñan diante da casa e tender a roupa. Ninguén lle pedía tal cousa, e moito menos a súa muller, que sabía que era a envexa de boa parte da veciñanza por levar corenta anos casada cun home coma Basilio. Pero para el esa punzada de vergoña que lle producía que o visen tendendo bragas e calzóns era algo que lle facía sentir mal, e cada vez que vía á súa muller estendendo a roupa na varanda sentíase como ese neno dubidando entre as ganas de subir á árbore e o medo que lle ten a caer. Basilio quería axudar, facer todas as tarefas da casa pero coa roupa non podía, e iso facía que se sentira mal.
Pero en xeral Basilio era un home feliz. As cousas foran acaendo ben, as desgrazas, que en todas as vidas existen, non foran tan grandes como para borrar os momentos de felicidade da memoria de Basilio e co paso do tempo a súa casa foi enchéndose primeiro de fillos e máis tarde de netos. E se de algo estaban felices e orgullosos Basilio e a súa dona era de ter a casa sempre chea de xente, especialmente de nenos. Xa foran os amigos dos seus fillos, ou os sobriños, ou máis tarde os netos, a casa do Basilio sempre estivo chea desa felicidade rebuldeira que da a xente cativa.
E xa sexa por este carácter seu ou porque para toda a veciñanza Basilio era unha boa persoa resultou que co paso dos anos foi dando un vellote simpático e querido por todo o mundo. Ninguén deixaba de saudalo cando se cruzaban con el pola Alameda e non había día no que non lle preguntaran pola súa dona ou pola familia. Dous dos seus fillos casaran no pobo e tal vez por ese efecto contaxio que tan a miúdo se da nas familias, ámbolos dous herdaron esa maneira de ser tranquila e desprendida do seu pai. A máis cativa, a filla, casara cun funcionario de Ourense e vivía na cidade.
Pero un día a Basilio cambioulle o carácter. En realidade foille cambiando aos poucos, pero ninguén lle deu importancia á mala contestación do primeiro día, cando no bar de Edelmiro lle tiraron o café por riba do xornal, ou ás respostas encabuxadas que aos poucos foron facéndose frecuentes nel. Non, ninguén tivo en conta os seu enfado cos rapaces na praza cando case o fan arrolar polo chan ao bater nel co balón, e poucos escoitaron os seus berros cando o camión das cervexas o enchoupou ao pasar por riba dun charco. Ao Basilio cambiáballe o carácter sen que ninguén se decatase. Nin sequera Basilio se tería dado conta de non ser por esas risas que escoitaba de cando en vez e que non conseguía explicar. Ao principio non lles dera importancia algunha, brincadeiras de cativos, pensou ao non atopar a procedencia daquelas gargalladas. Pero co tempo foi escoitándoas cada vez con máis frecuencia e en calquera sitio e máis dunha vez encarouse coa persoa que camiñaba ao seu lado pensando que estaba sendo obxecto dunha broma pesada. Basilio sentíase cada día máis incómodo paseando polas rúas, deixou de ir a xogar a partida e o que antes era un vellote simpático e lizgairo tornouse un amargado carcamán que miraba a todos do través.
E para cando enfermou, Basilio xa non era o mesmo. O que antes fora un home agarimoso que gostaba xogar cos seus netos e charlar cos seus veciños foise engruñando e rematou sendo unha persoa que, convencida de que todo o mundo andaba a rir ás súas costas, non quería falar con ninguén. Pasaba os días vendo a televisión ou poñendo os cascos para escoitar a radio xa que era o único xeito de apagar as risas que por veces o facían tolear. Por sorte, a enfermidade foille arrebatando os recordos e do mesmo xeito que el non recoñecía aos veciños que viñan visitalo, aos veciños custáballes ver naquel home mal encarado e medio túzaro ao bo de Basilio. Ao final simplemente era un home enfadado co mundo enteiro, sen ser quen de distinguir entre a súa familia, as amizades ou a xente en xeral.
Contan que o último que fixo Basilio foi rir. Os seus fillos pensaron que as risas que levaban anos torturándoo conseguiran facerlle perder o siso ou simplemente desapareceran e o ancián non atopara outro xeito de agradecer o silencio que rindo. Sen embargo o que aconteceu foi que o Basilio recordou. Despois de tanto tempo escoitando aquelas risas por fin puido recoñecer nelas as risas das súas crianzas xogando na beira do mar, na praia na que veraneaban cando eran cativas. E despois de dous anos de enfermidade sen recoñecer xa a ninguén o Basilio fitou para os que estaban arredor da súa cama e sorriu. Foinos chamando polo seu nome, mandoulle un bico de bolboreta á súa muller e xa sen parar de rir dixo que ía meterse na auga coas crianzas, que a auga estaba moi boa e que oxalá aquel momento durase para toda a vida.



No hay comentarios:

Publicar un comentario