viernes, 20 de octubre de 2017

Impulsos



Como se o seu corpo respondese a impulsos alleos á súa vontade, comezou a apurar o paso. Foi un impulso irresistible, unha necesidade agoniante que non tiña maneira de explicar e que o levou a iniciar unha carreira sen ter moi claro cal era o seu obxectivo.
Como cada mañá dende facía uns meses ía pola beirarrúa cara á oficina agardando ver pasar á súa muller no coche. Na última revisión médica apareceran algúns problemas cardiovasculares e era moi necesario para el facer exercicio, por iso agora saía vinte minutos antes da casa e era ela, a súa muller, a que levaba á cativa á gardería. Adoitaban pasar pola súa beira antes da ponte vella. A súa muller diminuía a velocidade cando o adiantaba para que el tivera tempo de mandarlle un bico á pequecha, que se esmendrellaba da risa sentada na súa cadeira de seguridade e lle dicía adeus a dúas mans.
Aquela mañá non era diferente. O coche case parado, él mandando bicos aos seus amores e despois de novo a remoer nos seus pensamentos. Quedábanlle dez minutos de camiño e o día invitaba a camiñar. Ao chegar a oficina debía pechar uns cantos asuntos que levaban semanas pendentes.
Pero de súpeto esa sensación angustiosa, esa necesidade de volver a velas. Sen saber o motivo comeza a correr detrás do coche. Na Avenida terían que parar nun par de semáforos, calculou. Podería atallar por detrás da fábrica de vidro e se bulía, daríalle tempo a saír por entre as obras da nova piscina municipal antes de que elas chegaran. Non entende o que lle está a pasar, metéuselle na cabeza que ten que velas de novo e mentres o seu corpo acelera o paso e mesmo da pequenas zancadas coma se fose iniciar a carreira, o seu cerebro intenta analizar que demos lle está acontecendo.
Dálle a alma que algo vai ocorrer e ten que estar con elas. Imaxínase xa subindo ao coche e explicándolle á súa muller que non é nada, que simplemente esa mañá quere ir con elas á gardería. Busca verbas axeitadas ou algunha escusa, tal vez unha repentina dor de lombo. Calquera cousa vale para non ter que explicar que se trata de algo totalmente irracional, tan pouco propio del que sinte ganas de rir ao verse correndo detrás delas sen motivo algún. Imaxina xa a cara de alegría da pequecha ao velo entrar de novo no coche e vese abrindo a porta da gardería con ela ao lombo, como facía uns meses antes.
Apura o paso, ten ganas de se botar a correr e sinte que dun momento a outro comezará a suar. Está xa fora de si, a súa cabeza vai por un sitio e o seu corpo por outro cando asoma por detrás das obras da piscina con tempo xusto para ver pasar no coche á súa muller e á pequecha, que sorprendida mira para el pola ventanilla e volve dicirlle adeus coa man.
Botase a correr detrás delas. A sensación de que é a última vez que as ve é tan forte que comeza a chorar dun xeito tan intenso que nin sequera sinte o golpe .

O operario da retroescavadora declarará antes do levantamento do cadáver que aquel home cruzou correndo a estrada e botouse diante da máquina sen mirar, sen darlle tempo sequera a frear. Como se obedecese a un impulso tolo.
 

2 comentarios:

  1. Escribes moi ben... :-) pero que agobio... a min tenme pasado por sorte sin excavadora. Bicos CAROL

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Moitas grazas!!
      Excavadora non, pero aquí en Compostela é fácil que te leve por diante un deses peregrinos que van na fura de diante cara á Quintana.
      Un saúdo e moito obrigado polo comentario, Carol.

      Eliminar